miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Ames convértese nunha vila poética atravesada por camiños de versos

Ames convértese nunha vila poética atravesada por camiños de versos
Ames convértese nunha vila poética atravesada por camiños de versos

O alumnado de todos os centros de ensino públicos de educación infantil e primaria de Ames, coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística municipal, están a traballar ao longo do mes de maio para converter Ames nunha vila poética

O alumnado de todos os centros de ensino públicos de educación infantil e primaria de Ames, coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística municipal, están a traballar ao longo do mes de maio para converter Ames nunha vila poética. Para iso, os nenos e nenas colocaron arredor de duascentas laxas ilustradas con versos en lingua galega en diferentes espazos concorridos do concello. Estes versos foron escolmados e ilustrados polo alumnado amesá e algúns deles mesmo creados pola rapazada.

A raíz da celebración das Letras Galegas 2019, os equipos de normalización dos centros educativos de infantil e primaria de Ames e o Servizo de Normalización Lingüística municipal cooperaron para por en marcha a iniciativa “Ames, vila poética. Camiños de versos”. A actividade consiste nunha exposición pública permanente de 200 lousas, cada unha delas con poemas ou versos de escitores ou escritoras en linga galega escolmados e ilustrados polos nenos e as nenas de Ames. Camiños de versos busca achegar, socializar e compartir o traballo que se fai nos centros de ensino coa veciñanza.

O colexio de Agro do Muíño, o da Maía, a Escola Unitaria de Ortoño e a Escola Unitaria de Covas colocaron as súas laxas ao longo do paseo fluvial de Bertamiráns. A praia de Tapia acolle as obras do CEIP de Barouta. Por último, a  EEI do Milladoiro e o CEP de Ventín colocaron as súas obras na zona axardinada da Travesía do Porto e no Parque dos Piñeiros situado detrás da pincina municipal do Milladoiro.

Os alumnado amesá realizou o traballo de escolmar e ilustrar entre o 2 e o 16 de maio e esta semana rematarase a colocación da exposición das laxas nos diferentes espazos públicos. Mediante esta iniciativa búscase dinamizar e estimular o uso do galego entre as crianzas e a veciñanza, así como fomentar a creatividade en lingua galega e contribuír ao achegamento, á posta en valor, á difusión e a visibilización da poesía galega entre a comunidade amesá.

Ademais, entre os obxectivos deste proxecto tamén se atopa o de sensibilizar á veciñanza amesá e aos visitantes sobre a necesidade de respectar e coidar o patrimonio cultural e natural de todas e todos. Neste senso, os rapaces e rapazas solicitan a colaboración de todos os veciños e veciñas para protexer esta obra colectiva que pretende converter Ames nunha vila poética, e evitar así que desaparezan ou se estraguen as laxas, como xa pasou nalgunha ocasión.

Comentarios
Lo más