Bugallo afirma que é "algo normal" paralizar unha actuación complexa nun proceso electoral
O candidato polo Partido Socialista, Sánchez Bugallo, fala sobre o vídeo difundido na noite do luns por Compostela Aberta na que se fala dun suposto pacto con Agustín Hernández para paralizar as actuacións sobre a EDAR de Silvouta
Ante o vídeo difundido na noite do luns por parte de Compostela Aberta, o candidato do PSOE, Sánchez Bugallo sinalou que é normal que nun proceso electoral se pare unha actuación tan complexa e complicada, para evitar a súa politización. "É unha anécdota".
O que non é normal é perder catro anos, e xusto levalo á campaña electoral cando non se fixo nada en catro anos”. Di o candidato á alcaldía que “o Sr. Noriega o que intenta é botar barro para tapar o que estivo facendo entre 2015 e 2018. Alguén o sabe? Eu non o sei. O que si sei, porque me pasaron a información o mesmo que ao goberno de Compostela Aberta, é que o Sr. Noriega tiña toda a información sobre os problemas da EDAR de Souto. E o que non sei é porque non tomou ningunha medida nin ningunha decisión antes”.
Bugallo engade que perdeu tres anos, e que agora están en risco os 32 millóns de euros de subvención europea. “Esta decisión que se toma en 2019, se se houbese tomado en 2015, estaríamos nun escenario completamente diferente. As obras poderían estar en marcha. En todo caso, afirma, “o que se perda en tres meses ou catro meses non é relevante. O que se perda en oito anos, si que é un problema relevante. O que fixo o Sr. Noriega foi perder máis de tres anos, mareando a perdiz, dando por boa a solución de Souto, cando tiña a mesma información e os mesmos datos que tiñamos nós para saber que iso era inviable”. Sinala Sánchez Bugallo que aparte dos datos, que cifraban o custe en 90 millóns de euros, moi por enriba do proxecto da Silvouta, él fixo o percorrido. “Indo alí sabía que era inviable”.
O candidato á alcaldía distingue entre o informe inicial, “con datos falsos” e o proxecto, con datos máis reais. Ese informe inicial “dicía que a excavación baixaba de 450.000 metros cúbicos a 420.000. E co orzamento era máis barato e o impacto ambiental menor. E o que dicía o proxecto era que a escavación era de 1.000.000 de metros cúbicos, que o custe pasaba de 55 millóns de euros a 89 millóns e o impacto ambiental era moito maior porque ademais había que facer unha liña de alta tensión, un colector e unha estrada”.
Asegura Bugallo que “o que me parece delirante é que perdera tres anos e agora trata de buscar quen leve a culpa. É unha gran especialidade do Sr. Noriega. En lugar de resolver os problemas, ante cada problema imos ver a quen lle podemos botar a culpa. Non é normal que un mes antes das eleccións, encargue un estudo de alternativas, despois de tres anos parado”.
Sobre a licitación do proxecto da EDAR, Sánchez Bugallo sinalou que non lle correspondía a él. Era dixo, unha decisión do ministerio, do goberno central, porque era unha actuación de interés xeral.