Bugallo presenta a proposta dunha instalación deporitva de tres plantas en Santa Marta
A candidatura de Sánchez Bugallo presentou o proxecto á prensa: seis mil metros de instalacións deportivas, divididos en tres plantas, que darían resposta as demandas de equipamento da zona sur de Santiago.
O candidato á alcaldía de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo; acompañado do número 5 da súa candidatura, Gonzalo Muiños; e da número 10, a atleta Esther Pedrosa; presentou a proposta, incluída no programa electoral, dun complexo deportivo municipal en Santa Marta. Construiríase sobre unha parcela de 4.406 metros cadrados.
O edificio contaría con seis mil metros cadrados, divididos en tres plantas. Constaría de dúas piscinas, unha de oito rúas e a outra de chapoteo; unha zona spa, con vaso de spa, sauna, baños de vapor e ducha de contraste; catro salas de actividades; unha zona de vestiarios; aseos; unha zona de despachos para os cubls; e unha zona de estética con recepción, consultas, almacén e fisioterapeuta.
Este complexo deportivo xa fora anunciado o pasado 9 de maio, cando Esther Pedrosa e Gonzalo Muiños, presentaron o programa de deportes da candidatura socialista, baixo o epígrafe “A cidade en forma”.
Para Gonzalo Muíños, trátase dun complexo que responde á demanda de instalacións deportivas nunha das zonas que máis está medrando a nivel poboacional. Aparte da piscina de oito rúas, de 25 metros de longa, “hai outra de chapoteo para bebés, para uso terapéutico, para mulleres embarazadas, recuperación de fisioterapia, etc.”
A oferta complétase coa zona de spa e catro salas de actividades, unha delas unha sala grande de fitness de 800 metros cadrados. Tamén tería, segundo sinalou Gonzalo Muíños, unha zona de 42 aparcamentos que se completaría co de superficie de Santa Marta, co que quedarían máis de 300 prazas.
O obxectivo, di, é “dotar a todas as zonas da cidade dun complexo deportivo destas características, que agora é unha necesidade, polo aumento de poboación no barrio”. Gonzalo Muiños explicou que con este complexo quedaría cuberta a demanda de espazos deportivos de auga, e “daríaselle cabida ás necesidades dos club, tanto de triatlón, como de waterpolo, como de natación”.
Sánchez Bugallo lembrou que o solar onde está proxectado o complexo é de titularidade municipal. Recordou que se trata dun anteproxecto, dun borrador, susceptible de modificacións para proceder á súa mellora. “Debaterémolo cos veciños”, afirmou. O custe, en principio, cifrouno en máis de seis millóns de euros. Unha actuación, que sinalou, “require búsqueda de financiación.
Pode ser a través dunha empresa mixta, como EXADE, que por certo, ten finalizada a súa concesión hai tres anos, e neste momento está pendente de resolver o seu futuro”. En todo caso, lembrou que “agora é unha esixencia do Ministerio de Facenda, e un imperativo legal, que nas sociedades mixtas o concello ten que ter o 51% de participación”.
Explica Bugallo, “nós defendemos, sinalou, un proxecto integral que ten que incluír auga, zonas de exercicio, e outras áreas. Ten que ser completo. Semellante ao de Santa Isabel, por por un exemplo”. “É o centro deportivo da zona sur, pero non é un proxecto pechado.
Ademáis de Santa Marta e Conxo, collería todo o ámbito do Castiñeiriño, Vidán, Laraño, e Villestro”. Recorda que “con esta teríamos tres piscinas públicas, máis a da universidade”. O que está claro, subliñou, é que ten que haber un complexo destas características para a zona sur, e cando aumente a poboación da zona norte, haberá que facer outro alí”.