Compostela Aberta presenta o décimo reto do seu programa electoral
Xan Duro explicou que no próximo mandato “completaremos a renovación das luminarias apostando por tecnoloxías máis sustentables, despois de ter renovado nos últimos catro anos máis de 2.500 puntos de luz e de ter substituído as luminarias nas instalacións deportivas e en moitas parroquias do rural”
O candidato á reelección, Martiño Noriega, presentou o décimo dos 13 retos cos que Compostela Aberta afronta o próximo mandato, o que procura unha “Compostela Sustentable para xestionar mellor”. Martiño Noriega explicou que precisamente a construción da EDAR é un dos obxectivos nesta liña “e xa temos moito camiño andado para termos unha nova depuradora no lugar da actual, aproveitando a innovación tecnolóxica e o coñecemento da Universidade de Santiago”.
O alcalde avanzou que “ACUAES comunicounos hoxe mesmo que nos próximos días publicará os pregos para iniciar o procedemento do diálogo competitivo, aprobados hai uns días polo Consello de Administración da entidade”.
RECOLLIDA DO LIXO
Outro dos obxectivos para o próximo mandato será a licitación do servizo da recollida do lixo e limpeza viaria. O alcalde explicou que “neste mandato deixamos os pregos elaborados e sometidos a consulta pública ao mercado, e poderemos iniciar o procedemento de adxudicación”, e explicou que a redacción dos pregos viuse marcada por dous importantes cambios lexislativos: a nova Lei de Contratos do Sector Público que entrou en vigor en 2017, e a nova directiva europea sobre residuos aprobada no verán de 2018 e que lle afecta directamente aos concellos.
Ainda así, incidiu en que “Santiago vai ser, coa Coruña, a única cidade galega que cumpra coa obriga imposta desde o Estado para que os concellos de máis de 5.000 habitantes traten de forma separada os residuos orgánicos antes de que remate 2020, fronte a Pontevedra que vén de prorrogar o seu actual contrato do lixo por un prazo de tres anos, e sen poder cumprir esa condición”.
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia e número 7 da lista de Compostela Aberta explicou que o novo prego do lixo “suporá un importante cambio na maneira na que a veciñanza trata o lixo que xera”. O máis salientable ten que ver coa fracción de orgánica, “para a que é preciso garantir un tratamento diferenciado se queremos cumprir coa obriga comunitaria de que en 2025 os concellos recuperen o 55 por cento do lixo que xeran”.
Con ese obxectivo, na nova licitación contemplarase a instalación de illas de compostaxe comunitarias en todos os puntos da cidade nos que sexa posible, e a instalación do quinto colector naqueles lugares nos que os composteiros non sexan viables.
Xan Duro explicou que “o servizo estenderá o modelo que xa comezamos a implantar neste mandato, co programa piloto de compostaxe comunitaria nos barrios de Santa Marta, San Lázaro e Galeras, coa instalación de illas en varios colexios da cidade, e que co reparto de composteiros domésticos entre máis de 200 familias do rural”.
Os novos pregos suporán importantes cambios tamén no sistema de recollida na cidade histórica. Neste caso, o servizo vertebrarase en torno a tres medidas: a recollida porta a porta de todas as fraccións de lixo nos establecementos hostaleiros e comerciais, a utilización de colectores de quita e pón que só estarán na rúa nos horarios fixados para a recollida, e as illas completas de cinco colectores no perímetro da zona vella.
O número sete da lista de Compostela Aberta lembrou que “neste mandato tamén puxemos xa en práctica o sistema de recollida porta a porta na hostalería da cidade histórica, aínda que só para o vidro e cuns resultados máis que satisfactorios, xa que a recollida selectiva desta fracción aumentou máis dun 30 por cento”. Xan Duro tamén salientou a aposta pola recuperación da compactadora do Franco, na que se recollen máis de 400 quilos de lixo diarios “que non quedan na rúa á espera do paso do camión da recollida”.
OUTRAS MEDIDAS
Á marxe da recollida do lixo, Xan Duro explicou que no próximo mandato “completaremos a renovación das luminarias apostando por tecnoloxías máis sustentables, despois de ter renovado nos últimos catro anos máis de 2.500 puntos de luz e de ter substituído as luminarias nas instalacións deportivas e en moitas parroquias do rural”.
Ademais, referiuse ao plan de restauración de fontes no que se empezou a traballar en colaboración co Consorcio “para convertelas en fontes de auga potable nos espazos públicos que favorezan o consumo e reduzan a utilización dos plásticos”.
Por último, o concelleiro comprometeuse a “aprobar unha nova ordenanza municipal de verquidos industriais para evitar a contaminación de acuíferos e espazos naturais”, e lembrou que no próximo mandato “estará en marcha o novo CIAC, Centro de Interpretación Ambiental de Compostela, na Finca do Espiño.