miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Agustín Hernández propón un complexo deportivo en Santa Marta

Agustín Hernández propón un complexo deportivo en Santa Marta
Agustín Hernández propón un complexo deportivo en Santa Marta

O novo complexo situaríase ao carón do aparcadoiro disuasorio e contaría con pista multiusos, instalacións anexas e piscina cuberta climatizada “olímpica” de 50 metros

O candidato á Alcaldía de Santiago, Agustín Hernández, presentou onte unha nova proposta dentro das 27 cláusulas capitais que conforman o seu contrato. Trátase dun novo complexo deportivo no barrio de Santa Marta que será complementado cunha xestión única de todas as instalacións deportivas municipais desde o Concello.

Hernández subliñou que, como “mostra do meu compromiso co benestar da cidade”, asumiría directamente a Concellería de Deportes, “con  apoio de persoal adxunto, mantendo a identidade da Concellería, pero coa xestión directa de Alcaldía”.

Esta iniciativa vai dirixida a compensar a oferta de grandes instalacións que hai na zona norte (San Lázaro-Fontiñas) e na zona centro (Santa Isabel), creando na zona sur da cidade un complexo con pista multiusos, instalacións anexas e unha piscina climatizada cuberta de 50 metros de lonxitude, para dar resposta, sobre todo, ao crecemento demográfico dos barrios de Santa Marta, A Choupana e de boa parte de Conxo.

O candidato Popular explicou que esta iniciativa deberá materializarse nun proxecto técnico e construtivo, que “nos comprometemos a encargar no primeiro ano de Goberno, para analizar e determinar en profundidade os detalles e pormenores”.

Será unha “estrutura polivalente e integrada no medio”, que ofertará unha pista multiusos, con vestiarios e instalacións anexas, e que integrará tamén unha piscina cuberta climatizada “olímpica” de 50 m., que non hai en Santiago e das que existen moi poucas en Galicia, que permitiría a celebración de probas de competición oficial autonómicas, nacionais e mesmo internacionais. Todo iso “conformaría un complexo deportivo funcional e moderno dimensionado atendendo á demanda desta zona da cidade”.

ASPECTOS TÉCNICOS

O complexo estaría lozalizado nos terreos inmediatos ao actual aparcadoiro disuasorio de Santa Marta, na parte libre desta estensa parcela municipal, duns 15.000 m2.

A parcela conta cunha superficie dispoñible superior aos 7.000 m2, practicamente outro tanto como o que ocupa a área de estacionamento gratuíto existente, que podería prestar servizo tamén aos usuarios da futura instalación deportiva.

Esa circunstancia beneficiaría a conectividade do equipamento, ao igual que a liña de transporte de alta frecuencia que ten a súa parada na entrada do aparcadoiro e que enlaza o Hospital Clínico co centro da cidade.

Segundo se puxo de relevo na presentación, “esa facilidade para a mobilidade podería facilitar o incremento do número de persoas usuarias, estendendo aínda máis a zona de influencia do complexo a unha parte importante da zona central da cidade”.

Polo que respecta á distribución da parcela que se propón, na parte que non ocupe a construción, dispoñerase unha coidada zona axardinada ata cubrir a totalidade do terreo, facilitando a accesibilidade, tanto ao aparcadoiro público, como ao conxunto das vivendas dos arredores, que poderían contar ademais así unha axeitada zona verde para o desfrute e o lecer.

O acceso principal ás instalacións faríase a través da rúa das Trece Rosas, que parte da Avenida da Liberdade e que, na actualidade, remata xusto onde se atopa esta parcela. Desta forma, a construción do complexo suporía tamén a continuación da urbanización da zona, favorecendo a integración na trama urbana desa parte da cidade entre Santa Marta e Conxo de Arriba.

XESTIÓN DEPORTIVA MUNICIPAL ÚNICA

A nova actuación en Santa Marta sería complementada, segundo destacou Hernández, por “unha modificación no terreo da xestión deportiva municipal, que pretendemos reorientar cara a unha xestión única” dos tres sectores (o do norte de San Lázaro-Fontiñas, o do Centro con Santa Isabel e o Sur, con este novo de Santa Marta).

Con ese fin, avogou por unha “regulación” da xestión indirecta -que actualmente desenvolve a empresa mixta público-privada XADE, cun contrato prorrogado desde 2016, para “lograr unha maior implicación do Concello e conseguir unha xestión única de todas as instalacións deportivas”.

Iso serviría “para realizar un seguimento máis directo e exhaustivo e mellorar así o servizo e as condicións das instalacións”. Lembrou que situación de “interinidade” actual na xestión das principais instalacións fai que se estean retrasando moitas melloras pendentes nas instalacións: filtracións, humidades, renovación de elementos e equipamento ou a renovación do globo “presostático” das piscinas de Fontes do Sar.  

OUTRAS PROPOSTAS DEPORTIVAS

Agustín Hernández tamén detallou outras iniciativas incluídas no seu progama, como a creación dun equipo específico para a captación de eventos deportivos nacionais e internacionais; a intención de homologar a pista de atletismo de San Lázaro para a celebración de probas de alto nivel; e a regulación e transparencia da cesión e uso das instalacións deportivas “reformulando os criterios actuais de cesión”.

Ademais, incrementarase o apoio ás entidades de élite do Concello (como o Obradoiro de baloncesto para o que temos comprometido o 3% dos gasto capital anual do Concello) ou a potenciación das probas populares como o Corresán que faremos itinerante por cada unha das parroquias para dar a coñecer e poñer en valor rural compostelán.

Comentarios
Lo más