Os alumnos do CEIP Agro do Muíño retoma a Semana da Bicicleta
Aproveitando as previsións de boa temperatura para estes días, o centro retoma esta iniciativa o martes, mércores e xoves desta semana
O CEIP Agro do Muíño retomou onte a Semana da Bicicleta despois de que a actividade, programada para a semana do 6 de maio, tivese que ser suspendida por mor da chuvia. Así, aproveitando as previsións de boa temperatura para estes días, o centro retoma esta iniciativa o martes, mércores e xoves desta semana.
Onte ás 9.00 horas, un total de 39 nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria déronse cita na Praza do Concello de Bertamiráns para comezar o percorrido que os levou ao colexio, e que percorreron dúas veces ao día ao comezo e ao remate das clases. Durante o traxecto, as rapazas e rapaces estiveron acompañados de membros da Policía Local e da agrupación de Protección Civil de Ames, así como de varios mestres e pais e nais voluntarios.
Ao igual que durante a primeira xornada, a rapazada seguiu a ruta que transcorre pola rúa Alcalde Lorenzo en dirección ao Agro do Muíño, ata a intersección co camiño que vai cara a depuradora. Unha vez alí, os nenos e nenas xiraron á dereita e percorreron dito camiño ata realizar a entrada na urbanización do Agro do Muíño pola rúa Ribeira de Maguxe, tralo que circularon pola rúa do Carballo que vai a dar ao portal traseiro do centro escolar.
Para a volta, na que se realiza o mesmo percorrido á inversa, houbo habilitadas dúas quendas. A primeira delas saiu da escola en dirección á Praza do Concello ao remate das clases, ás 14.30h, mentres que a segunda quenda tivo lugar ás 16.30h, coincidindo co fin do servizo de comedor.
Durante dous percorridos ao día, as rapazas e rapaces poñen en práctica os coñecementos acadados durante a charla que recibiron da man do inspector da Policía Local de Ames a mañá do 6 de maio.
ACTIVIDADE CON MÚLTIPLES OBXECTIVOS
Esta iniciativa foi proposta pola dirección do centro escolar durante a primeira reunión da Mesa de coordinación Intersectorial de Saúde do Concello de Ames, realizada no pasado mes de febreiro. Con esta actividade, o CEIP Agro do Muíño non só se busca promocionar hábitos de vida saudable, senón tamén mostrarlle ao alumnado, dende un punto de vista práctico, a necesidade de buscar opcións de mobilidade sostible que repercutan no medio ambiente e conciencialos sobre elo.
Outros dos obxectivos que se pretenden conseguir con esta Semana da Bicicleta son fomentar a autonomía dos nenos e nenas, así como poñer en práctica e asentar os coñecementos adquiridos polo alumnado durante a charla sobre seguridade viaria ofrecida pola Garda Civil no centro. Cabe destacar que esta Semana da Bicicleta conta coa colaboración da Concellaría de Sanidade de Ames, a agrupación de Protección Civil e a Policía Local de Ames.