Evacuado o condutor dun camión despois de envorcar co seu vehículo en Samos
O 112 Galicia tivo constancia do accidente a través da chamada dun particular, ao redor das 09:30 horas
A saída de vía dun camión na estrada que une a localidade lucense de Samos e Triacastela saldouse co condutor do vehículo ferido, que tivo que ser trasladado ao centro hospitalario de referencia.
O 112 Galicia tivo constancia do accidente a través da chamada dun particular, ao redor das 09:30 horas desta mañá. Segundo a información recibida, o vehículo envorcou á altura do punto quilométrico 31 da LU-633.
De inmediato, os xestores do CIAE puxeron os feitos en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Sarria e da Garda Civil de Tráfico. Ademais, avisouse tamén ao persoal do servizo de mantemento da vía, xa que o camión ocupaba parte dun dos carrís e interrompía a circulación.
Unha vez no lugar do sinistro, os servizos de emerxencias confirmaron que aínda que o ferido estaba liberado e accesible, foi necesaria a súa evacuación polo persoal sanitario.