Noriega esixe explicacións a Bugallo e Hernández sobre o acordo de paralización do proxecto da Silvouta
O candidato do PSOE á alcaldía recoñeceu nun mitin ter acordado co entón conselleiro e actual aspirante do PP atrasar o procedemento para non interferir nas eleccións
O alcalde e candidato de Compostela á reelección volveu esixir hoxe explicacións a Xosé Sánchez Bugallo e a Agustín Hernández sobre o acordo ao que chegaron en 2011 para adiar a licitación da EDAR da Silvouta ata despois das eleccións municipais.
Martiño Noriega denunciou “o recoñecemento público que fixo Bugallo nun mitin dunha maneira de operar opaca, que non atende aos intereses da veciñanza”. Para el, non hai ningunha xustificación “para que un alcalde e un conselleiro cheguen a un acordo para non licitar unha obra en período electoral co único argumento de que as depuradoras son molestas”.
Martiño Noriega referíase así ao vídeo que se coñeceu nas últimas horas, no que Sánchez Bugallo relata nun mitin en Villestro como acordou con Agustín Hernández atrasar a licitación da EDAR para despois das eleccións, cando xa estaban comprometidos os fondos europeos, aprobada a declaración de impacto ambiental e realizados todos os trámites previos ao procedemento de contratación.
Nas imaxes, difundidas inicialmente polo PSOE de Santiago na súa conta de Facebook e retiradas despois de que Compostela Aberta se fixera eco delas, Sánchez Bugallo chega a restarlle importancia a un previsible atraso de seis meses na licitación, e explica que posteriormente o PP convertiu a depuradora en arma electoral “e probablemente este tema me axudou bastante a perder as eleccións”.