miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Bugallo quere crear unha sinerxia coa USC para traballar "cun punto de vista estratéxico"

Bugallo quere crear unha sinerxia coa USC para traballar "cun punto de vista estratéxico"
Bugallo quere crear unha sinerxia coa USC para traballar "cun punto de vista estratéxico"

Sánchez Bugallo sinalou que cómpre traballar coa USC “desde un punto de vista estratéxico para a cidade, porque un dos maiores problemas de Santiago é como xerar oportunidades para a xente nova”

O candidato á alcaldía de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado de Mercedes Rosón, Sindo Guinarte, Noa Díaz e Marisol López, todos membros da súa candidatura, mantiveron un encontro con representantes e profesorado da USC; no que presentaron as súas propostas programáticas vinculadas á universidade.

Sánchez Bugallo sinalou que cómpre traballar coa USC “desde un punto de vista estratéxico para a cidade, porque un dos maiores problemas de Santiago é como xerar oportunidades para a xente nova”. Engade, que, “o talento que se forma en Santiago ten que ir para outro lado, porque aquí non ten alternativas. Non hai oportunidades para os xóvenes”. “Temos que buscar xuntos o noso camiño de futuro”, engadiu, a través de dúas vías: a biomedicina, o cluster da madeira e as novas tecnoloxías; e a creación artística. Dúas vías que ocupan un lugar destacado no programa electoral da candidatura de Sánchez Bugallo.

COMPOSTELA, CIDADE DE OPORTUNIDADES

A primeira, baixo o epígrafe Compostela, cidade de oportunidades. Entre as medidas propostas: dotar á cidade dunha estrutura de acollida, de participación municipal, xunto coa Cámara de Comercio e a USC, a partir do actual CERSIA; volcada na difusión exterior das vantaxes de investir en Santiago e na súa imaxe de marca como cidade atractiva e innovadora, na captación de investimentos, así como no acompañamento ás iniciativas empresariais que queiran instalarse en Compostela para facilitar a súa radicación na cidade. Actuaría singularmente na propia administración municipal para facilitar a superación dos trámites burocráticos, a obtención das licencias que correspondan e, en xeral, a posta en contacto coas persoas, entidades ou asociacións que se precise.

Ademáis, está prevista a colaboración coa USC e a Cámara de Comercio para que Compostela conte cun “hub tecnolóxico”, con financiamento externo, que sirva para a atracción de talento e proxectos no ámbito biotecnolóxico. E ampliar esta colaboración para que, a través dos diversos instrumentos existentes, se poñan en marcha polos de emprendemento no ámbito do medio ambiente ou da produción audiovisual, fomentando a transferencia de coñecementos da universidade ao mundo do emprendemento e á empresa.

Tamén está contemplado manter a aposta coa USC por UNINOVA, facilitando a emerxencia de empresas spin_off de base universitaria; colaborar coa Cámara de Comercio e a USC para ordenar e reforzar os instrumentos xa existentes para a promoción do emprendemento (incubadoras e aceleradoras de empresas, por exemplo) para evitar duplicidades e incorporar novos instrumentos de apoio, como o financeiro; e por en marcha espazos para o desenvolvemento de experiencias innovadoras, de xeito que Compostela sexa unha verdadeira start-up city.

Esta aposta por unha cidade de oportunidades materializaríase, en parte, a través de acordos para obter fondos europeos, e por outra, pondo terreos a disposición das empresas para que poidan empregar a mozos e mozas de Santiago, facilitando a súa competitividade a nivel internacional.

CREACIÓN ARTÍSTICA

A outra liña estratéxica, a cultura como elemento troncal e referencial da cidade. Unha aposta pola creación, produción, xestión cultural e tamén pola formación nestas materias. Porque, engadiu Bugallo “os nosos mozos, os nosos estudantes, deben ter a posiblidade de desenvolver a súa vida laboral en Santiago. E por iso esa aposta pola actividade cultural, como actividade empresarial, para que poidan sobrevivir facendo aquelo que lles gusta”.

E de xeito paralelo, colocar a Compostela como unha referencia internacional, con medidas como a incorporación de Santiago á Rede de Cidades Creativas da UNESCO no apartado musical; ou a proposta de que sexa sede da Axencia Europea de Patrimonio. Segundo explicou Bugallo, “que a UNESCO nos recoñeza significa obrigalos a implicarse na política cultural da cidade, e contaríamos tamén co apoio do Estado”.

OUTRAS MEDIDAS

En canto a vivenda, entre as medidas contempladas está o fomento das vivendas en aluguer con acceso preferente para os mozos/as e as persoas maiores sen recursos. Tamén está previsto por en marcha un portal mozo de aluguer, onde se anuncien vivendas, intentando fomentar a ocupación dos pisos e casas desocupadas.

En materia de formación, o programa de Sánchez Bugallo contempla, entre outras medidas, colaborar coa USC para facilitar una mellor adecuación dos estudos de grado e sobre todo de posgrao ás necesidades dos estudantes para una boa inserción profesional. E a colaboración coa Xunta de Galicia para a cualificación universitaria do Centro Superior de Hostelería de Galicia, xa iniciado pola Universidade de Santiago, que debería ser ademais un polo de referencia formativa e investigadora no ámbito do turismo e a restauración.

A USC tamén será clave na elaboración de plans estratéxicos, como a colaboración, xunto á Cámara de Comercio, ás asociacións de comerciantes e a Deputación Provincial na elaboración dun Programa Estratéxico de Comercio Innovador 2020/2030, que sirva de base á implantación dunha estratexia de renovación comercial no conxunto da cidade. E no acondicionamento de novos espazos, como o Xardín Botánico, en colaboración co Consorcio, con funcións de docencia, investigación e atractividade turística.

Son só algunhas das propostas incluídas no programa, que presentou e introduciu Sindo Guinarte. O número 3 da candidatura, e Decano da Facultade de Dereito sinalou que “temos que traballar coa cidade desde a USC na mellora da situación do Campus, ademáis de potenciar o patrimonio histórico da universidade que segue tendo uso universitario, como a Facultade de Xeografía e Historia ou a de Medicina. Neste sentido, Sánchez Bugallo sinalou que non era partidario de que se traslade a Facultade de Medicina: “Santiago non pode soportar máis edificios baleiros na Cidade Histórica”, dixo. 

Comentarios
Lo más