Afundación e Special Olympics Galicia presentan o Festival de Artes Escénicas de Persoas con Discapacidade Intelectual
Ata o mes de outubro, diferentes colectivos participarán neste festival amosando as súas capacidades escénicas nos espazos de Afundación
Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta, en colaboración con Special Olympics Galicia, o Festival de Artes Escénicas de Persoas con Discapacidade Intelectual 2019. Ata o vindeiro mes de outubro, diferentes colectivos subiranse ao escenario dos espazos de Afundación para amosar as variadas capacidades escénicas das persoas con discapacidade intelectual.
A Fundación ADCOR será a encargada de inaugurar este festival o vindeiro 29 de maio no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela, onde ofrecerán a representación da obra Asterix y Obelix. A proposta continuará no Teatro Afundación de Vigo o 12 de xuño da man de ACEESCA, agrupación que interpretará A tía Lambida, unha volta tola de todo e eu quixera ser... .
No mes de setembro, o día 25, serán os membros de PRODEME quen saian á escena na Sede Afundación da Coruña para representar Un funeral para morrer coa risa. Finalmente, o 10 de outubro o Centro Méndez Núñez pechará este festival na Sede Afundación de Pontevedra con Años con corazón.
Este festival enmárcase na liña de traballo da Obra Social de ABANCA que considera a arte, nas súas diversas manifestacións, como un potente elemento de inclusión social xa que favorece a integración e contribúe a romper estereotipos. Desde Afundación apoiamos iniciativas como esta pola súa intensa carga social, artística, emocional e en defensa da igualdade das persoas. Ademais, promovemos e adaptamos os nosos programas didácticos ás capacidades de cada persoa facendo así accesibles os contidos e programamos actividades que teñen ás persoas con capacidades diferentes como protagonistas, poñendo o foco nas súas habilidades e favorecendo unha visión positiva da sociedade.