Hernández quere establecer un servizo de apoio integral ao colectivo LGTBI+
A área de Igualdade estará integrada en Alcaldía para garantir a incorporación do principio de igualdade de xénero en todas as accións de Goberno
Compostela de Igual a Igual é o conxunto de medidas que deseñará o equipo de Agustín Hernández en materia de igualdade.
A primeira delas, e punto de partida de todas as demais, será a integración da área de Igualdade na Alcaldía, da que dependerá organicamente, co obxectivo de garantir a transversalidade de xénero en todas as fases da intervención municipal e no desenvolvemento e execución de todas as actividades e programas.
O departamento de Igualdade liderará e activará a coordinación entre as distintas áreas de goberno para garantir o fomento e aplicación das políticas de igualdade e, con tal finalidade, crearase unha mesa interdepartamental de xénero coa presenza de todas as Concellarías do Goberno para a incorporación da igualdade de xénero nos seus ámbitos competenciais.
No convencemento de que a educación é un instrumento fundamental para combater a desigualdade e a violencia de xénero, crearase un equipo interdisciplinar de profesionais para o desenvolvemento de programas de prevención en todos os niveis educativos de primaria e secundaria en coordinación cos Centros de ensino da cidade.
O Centro de Información á Muller (CIM), que pasará a ter a súa ubicación na Casa Xohana Torres, deberá ser reforzado nas funcións que lle son propias, de información e atención xurídica, psicolóxica e social e, a tal efecto, estará dotado de xeito permanente do persoal técnico necesario.
SERVIZO DE APOIO INTEGRAL LGTBI+
Ademais, estableceremos un servizo de apoio integral LGTBI+ como peza integrante e imprescindible das políticas de igualdade.
Elaboraremos un novo Plan de Igualdade 2021-2025 partindo dunha diagnose efectiva da realidade da nosa sociedade, colocando na lista de prioridades a prevención de conductas de desigualdade e violencia a través da educación, a formación para favorecer o acceso ao mundo laboral, a conciliación, a plena inclusión das mulleres con discapacidade e a protección e acompañamento ás vítimas de violencia de xénero.