miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O BNG presenta a súa candidatura no concello do Pino

O BNG presenta a súa candidatura no concello do Pino
O BNG presenta a súa candidatura no concello do Pino

O BNG presentou a súa candidatura para o concello do Pino nun acto celebrado no local social de Castrofeito , que contou coa intervención de Neal Baxter, candidato ao parlamento europeo

Lucía Barreiro, número 2 da candidatura do BNG no concello do Pino, abriu o acto e explicou algunhas das súas razóns para incorporarse á lista do BNG: “O goberno local leva 22 anos sen facilitar a comunicación e os espazos de socialización para crianzas e mocidade: non hai liñas de transporte entre as parroquias, non hai actividades de lecer, non hai oferta que cree comunidade e proporcione apego polo noso concello entre a veciñanza máis nova”

Neal Baxter falou da importancia de termos “voz propia” en Europa para desde o parlamento europeo traballar por unha Europa das persoas fronte a Europa do capital, unha Europa dos pobos fronte a Europa dos Estados, unha Europa de dereitos e liberdades. Recordou o traballo de Ana Miranda a prol dunha PAC máis beneficiosa para o noso agro, na defensa do medio ambiente e, nomeadamente, no cuestionamento do proxecto da mina de Touro-O Pino, na oposición aos privilexios do franquismo despois de Franco...

Xosé Luis Vidal Brocos, cabeza de lista e actual concelleiro, recordou o papel do BNG na oposición á mina, co apoio de representantes doutros concellos e dos representantes nos parlamentos de Galiza e de Europa, e falou da necesidade de abrir o concello á veciñanza: “ Levamos mandato tras mandato reclamando que os plenos se celebren nun horario accesíbel para os veciños e veciñas, e o PP segue poñéndoos en horario de mañá”.

Citou outras materias pendentes, como a planificación urbanística, que evitaría o caos actual e permitiría conformar espazos públicos de calidade e de usos plurais. “Desde o BNG apostamos pola creación dunha Oficina de Rehabilitación de Vivendas que promova a adquisición, restauración e rehabilitación de casas que xa están integradas nas aldeas e núcleos” Comprometeuse a reclamar unha atención pediátrica de calidade e a pular por unha atención acaída ás persoas maiores, non só nos seus domicilios, senón nunha Casa de Maiores, co que se facilitaría a conciliación das familias coidadoras. Recordou a falta dunha programación cultural estable e indicou que “desde o BNG queremos encher de contido os edificios públicos de carácter social”

En resumo, rematou, “a proposta que vos facemos desde o BNG é a dun concello pensado para as persoas, aberto á participación, cunha xestión transparente e rigorosa, con servizos de calidade, con apoio á actividade económica local e á cultura propia, e coa vista posta en asentar e atraer poboación”

Para levar adiante o proxecto, unha candidatura na que se une a experiencia de quen levan moitos anos traballando co BNG dentro da política local, como Francisco Calvo, no número 11, coa enerxía e as novas visións de persoas mozas que veñen de incorporarse, como Lucía Barreiro, no número 2.

Comentarios
Lo más