Bugallo: "Votar ao PSOE é a única alternativa para que non goberne Compostela Aberta"
Asegura que as últimas enquisas indican “que este partido non está gañado, nin está pechado”. Pero tamén reflicten, di, un escenario que non cambiou, e que se mantén
O candidato á alcaldía de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou onte que “a única alternativa para que non goberne Compostela Aberta é, o vindeiro 26 de maio, votar a nosa candidatura.” Unha afirmación que argumenta na tendencia das últimas enquisas publicadas por distintos medios de comunicación. Sinala que as publicadas onte “lle semellan máis aproximadas coa realidade” que da semana pasada, “moi triunfalistas”. Para Bugallo, “non se pode crer que unhas eleccións están gañadas de antemán. Nunca funciona así”.
Asegura que as últimas enquisas indican “que este partido non está gañado, nin está pechado”. Pero tamén reflicten, di, un escenario que non cambiou, e que se mantén. “Tradicionalmente na política hai dous bloques: o centro esquerda-esquerda e o centro dereita-dereita. O que vemos aquí é que o centro dereita-dereita, suma 8 concelleiros, e o centro esquerda-esquerda, suma 17”. Isto, segundo Bugallo, mantense nas enquisas. ”O único que cambiou é que na primeira eran 6 PP e dous Cs, despois chegaron a ser 8 PP e 0 Cs, e agora son 7 PP e 1 Cs. E no ámbito da esquerda-centro esquerda, tampouco cambiou. Seguen sumando 17 desde o minuto un. Pero cambia o reparto entre uns e outros”.
Para Bugallo, a conclusión destes datos “é que a final, nestas eleccións, os veciños van elixir entre Martiño e mais eu. Por iso é importante que lle digamos aos veciños que pensen exclusivamente en Santiago. Que pensen si queren outros catro anos iguais ou si queren cambiar Santiago. Este non é o segundo tempo das elección xerais, é o único tempo das municipais, e debemos votar pensando no que é máis importante para Santiago. Esa é a clave do que imos decidir o día 26. Que é mellor para Santiago”.
Continúa Bugallo sinalando que “se pensamos que Santiago pode perder catro anos máis, recuperar a posición anterior vai ser moi difícil de conseguir. Porque nós non avanzaremos. E os demais farano a velocidade de cruceiro”. Afirma Bugallo que “retrocedemos en todos os sentidos. En moitos aspectos Santiago está peor que hai trinta anos”. Pon exemplos: “temos que afrontar o Ano Santo de 2021. Que hai preparado? Nada. A Policía Local chega cunha estrutura peor, con menos efectivos que no ano 1993. E o mesmo pasado cos bombeiros”. E, continúa, o goberno que entre “ten un contrato de transporte, sen contrato: o servizo de lixo, prorrogado cinco anos, nas condicións que está.... O contrato da luz, remata este ano. Todos debedes pensar, que é o mellor para Santiago. E logo votar en consecuencia”.
Conclúe Bugallo sinalando que das opcións que están en xogo o vindeiro 26 de maio, “a única que está en condicións de afrontar o reto do 2021, de sacar á cidade da situación na que está metida, de botar isto para adiante, é a candidatura que me honro en encabezar”.
MEDIO RURAL
Entre as propostas explicadas aos veciños e veciñas, Sánchez Bugallo destacou a creación dunha Concellaría de Medio Rural con medios e recursos, e a creación dun Consello Municipal do Medio Rural como órgano participativo.
Tamén se comprometeu a completar o servizo de auga e saneamento a todas as parroquias nun prazo de oito anos, e a reestruturar o servizo de lixo e contemplar a recollida selectiva, para mellorar a súa prestación. Sobre o transporte, non hai contrato, segundo explica Bugallo. “Non hai xiquera un Plan de mobilidade, necesario para saber que servizo se quere prestar e para contratalo. Nós plantexamos unha proposta que terá que ir en tres vértices: transporte urbano, transporte metropolitano e transporte á demanda”. Sinala Bugallo que cómpre buscar a maneira de implicar á Xunta de Galicia, que ten as competencias fóra do ámbito urbano, e aos concellos limítrofes, a través dun Consorcio Metropolitano de transporte. E onde, continúa, non chegue o transporte urbano, nin o metropolitano, “habería que utilizar a solución de transporte á demanda”.
Outra proposta presentada foi a creación dun fondo anual que se distribuiría por parroquias de acordo cos criterios obxectivos fixados no ámbito do Consello do Medio Rural. Explicouno Bugallo:“cada ano destinaríase unha cantidade a ese fondo, que repartiría cunha contía fixa por parroquia, e un variable que dependería de tres factores: poboación, núcleos de poboación e superficie”. O baremo definitivo de reparto “deberase discutir no propio Consello do Medio Rural”. Serán as parroquias as que decidan, cada ano, en que queren gastar eses fondos.