Rois consegue reunir no seu campo da festa a centos de persoas
O concurso de manexo de tractores foi unha das actividades que volveu congregar máis público
Centos de persoas achegáronse onte ata o campo da festa de Rois para participar nos diferentes talleres e visitar a feira de artesanía e a exposición de maquinaria agrícola e animais de razas autóctonas da Feira do Santo Isidro que organizou o Concello de Rois. O concurso de manexo de tractores volveu ser o máis concorrido da xornada, mentres que a cativada gozou cos talleres de orfebrería e de elaboración de moedeiros de coiro.
O artesán local Camilo Seira, Tony Artesanos e Aleán das Olas Cerámica foron os encargados de impartir os talleres no que os máis novos puideron aprender a facer esculturas de barro, algunha xoias e tamén moedeiros de coiro tanto pola mañá como pola tarde.
Juan Carlos Puente, do Club Can de Palleiro, abreu a xornada cunha charla coloquio na que expuxo as principais características e animais de razas autóctonas que existen en Galicia. A medida que ían os participantes da segunda andaina do Santo Isidro, a iso do mediodía, o ambiente na feira comezou a medrar, e moitas persoas achegáronse ata a carpa de animais de razas autóctonas para ver as cabras, cans de palleiro, vacas, burros e galiñas, así como a exposición de maquinaria agrícola, e tamén aos diferentes e variados postos de artesanía que hai na feira.
As pandeireteiras do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima foron as encargadas de animar a sobremesa. Xa pola tarde, o protagonismo foi tamén para os mías novos, que gozaron cos inchables, os diferentes talleres e a actuación do Mago Teto.
O momento de maior expectación da xornada volveu ser, coma todos os anos, o concurso de manexo de tractores, no que os participantes tiveron que demostrar a súa habilidade conducindo marcha atrás os vehículos agrícolas por un circuíto preparado para expertos.
O concerto da Escola Municipal de Música de Rois, dos grupos de baile e pandeireta do OCT Chorima e de Pesdelán, que presentou o espectáculo ‘Na punta do pé’, foi tamén seguido por numeroso público. A verbena nocturna coas orquestras Capitol e Finisterre puxo o punto e final aos actos organizados polo Concello de Rois para celebrar as festas patronais do Santo Isidro.