miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A candidatura dos socialistas poñen o galego como lingua preferente da acción municipal

A candidatura dos socialistas poñen o galego como lingua preferente da acción municipal
A candidatura dos socialistas poñen o galego como lingua preferente da acción municipal

Noa Díaz, número 8 da candidatura, acompañada do candidato á alcaldía e de Mercedes Rosón, tamén presentou as medidas sobre diversidade, que teñen como obxectivo visibilizar as problemáticas específicas do colectivo LGTBI e darlle respostas efectivas.

Por en valor o galego como lingua propia de Galicia; programas de acollida de lingua galega, especialmente para xente nova; e apoio á produción, edición e difusión da cultura galega. Son algunhas das medidas presentadas onte por Noa Díaz, incluídas no programa electoral da candidatura de Sánchez Bugallo, baixo o epígrafe “Compromiso coa lingua propia de Galicia”. A número 8 da candidatura tamén presentou os actos programados para hoxe, Día das Letras Galegas, destacando a ofrenda floral das once da mañá diante do busto de Antón Fraguas, en Conxo. Sánchez Bugallo, presente na rolda xunto a Mercedes Rosón, referiuse a Antón Fraguas como “unha persoa moi querida, entrañable, coa que tiven a sorte de ter unha gran relación persoal”.

Noa Díaz comezou a súa intervención sinalando que é “unha data moi especial para a familia socialista, polo que ten de celebración pero tamén de loita e reivindicación do que para nós son cuestións fundamentais: o respecto pola nosa cultura e a tolerancia e o respecto á diversidade”. Referíase, en concreto a hoxe, 17 de maio, Día das Letras Galegas, pero tamén Día Internacional contra a LGTBIfobia.

Para Noa Díaz, o Día das Letras Galegas é especialmente un día de reivindicación “no que os e as socialistas compostelás saímos á rúa para esixir un maior espazo para a nosa lingua, unha maior preocupación por parte da Administración pública galega diante das terribles cifras que distintas entidades ofrecen ano a ano sobre o seu uso e coñecemento e que anuncian un fatal esmorecemento do galego”.

Conscientes desta realidade, continúa Noa, “reafirmámonos no noso compromiso máis absoluto coa defensa e promoción do galego”. Para iso, establecen varias medidas incluídas no programa, que enumerou: “faremos que o galego, sen menoscabo dos dereitos lingüísticos individuais, sexa a lingua preferente na nosa acción municipal; poremos en marcha programas de acollida de lingua galega, tanto para a xente nova como para os adultos procedentes da inmigración; incentivaremos o uso do galego nos concesionarios municipais; apoiaremos a produción, edición e difusión da cultura galega en galego; apoiaremos as propostas de promoción e prestixio da lingua galega existentes, e valoraremos novas accións dirixidas aos diversos públicos da cidade”.

Día das Letras Galegas

Noa Díaz destacou, na súa intervención, a figura de Antón Fraguas, o seu vínculo con Santiago. Lembrou que durante os mandatos socialistas se lle adicou unha rúa, a Avenida Antón Fraguas, en Conxo; se lle puxo o seu nome a un instituto e tamén a un premio: o Premio traxe galego Antonio Fraguas.

Hoxe, ás 11:00 h., os membros da candidatura de Sánchez Bugallo teñen previsto realizar unha ofrenda floral diante do busto de Antón Fraguas. Despois asistirán á manifestación do 17 de maio.

Día Internacional contra a LGTBIfobia.

Noa Díaz resaltou o compromiso do socialismo coa diversidade, “non só porque sexamos o partido da igualdade de dereitos e de oportunidades, senón tamén porque somos un partido con clara sensibilidade cara colectivos que merecen una especial atención pola discriminación social que sofren a diario. Cremos que é dende a administración, especialmente a local, dende onde se debe comezar a traballar.”

Lembrou que no ano 2015 o grupo socialista presentou no primeiro pleno ordinario do goberno municipal unha moción de medidas para a normalización, visibilización e integración plena das persoas LGTBI na cidade. “Nela demandabamos a creación dun Servizo de Mediación LGTBI, que non existe. Solicitabamos campañas de formación, información e sensibilización das problemáticas e demandas do colectivo nos centros educativos. Demandabamos un plan de loita local contra a LGTBI-fobia; programas específicos de atención a persoas maiores LGTBI e do rural. Demandabamos que os documentos oficiais incluísen a diversidade sexual e de xénero. Pero nada diso se puxo en marcha. Posiblemente porque o último punto, “manter canles de comunicación e colaboración permanentes cos colectivos LGTBI da cidade” tampouco foi unha realidade”.

Por iso, continúa Noa Díaz, “no noso programa para os vindeiros catro anos levamos de novo todas esas accións, e algunhas máis”. Accións como a creación do Consello Municipal LGTBI, que contaría con todo o tecido asociativo; incluír a perspectiva LGTBI en proxectos e axudas sociais, habilitando plans específicos cando sexa necesario; e traballar en colaboración con institucións como a USC para realizar informes e diagnoses en función de necesidades para elaborar propostas de acción estratéxicas.

Tamén se contempla colaborar con centros educativos e profesionais de servizos sociais e institucións socio-educativas para realizar programas de educación afectivo-sexual e de diversidade sexual e de xénero á vez que formar os profesionais da Administración para intervir satisfactoriamente con persoas LGTBI; e desenvolver campañas de información, sensibilización e visibilización do colectivo LGTBI e, nomeadamente, do colectivo "trans".

Outras medidas propostas: a elaboración dun Plan contra a LGTBIfobia; promover a creación dun Servizo de Mediación LGTBI contando cos recursos materiais e humanos existentes; e revisar todos os modelos, procedementos e solicitudes municipais normalizados para adaptalos á diversidade familiar da cidade.

Neste Día Internacional contra a LGTBIfobia, a candidatura de Sánchez Bugallo ten previsto un acto reivindicativo ás 14:00 h. diante da estatua de Pablo Iglesias, fundador do PSOE, pero tamén, “defensor da tolerancia e da xustiza social”.

En resposta ás preguntas dos xornalistas, Noa Díaz aclarou que “hai un eixo no noso futuro goberno: a transversalidade da igualdade. A diversidade entra dentro da igualdade. Pero o que non podemos obviar, é que o colectivo LGTBI ten unhas problemáticas específicas que non están cubertas e necesitan respostas”. Precisamente visibilizalas e darlle resposta é un dos obxectivos das medidas onte presentadas. “Normalización e visualización”, concluía Sánchez Bugallo.

Preguntas

Sánchez Bugallo referiuse ás visitas do presidente do Goberno, Pedro Sánchez; e do ministro de Fomento, José Luis Ábalos a Compostela. Sinalou que iso constata que “lles interesa e lles preocupa Santiago”. Lembrou que Pedro Sánchez “asumiu o compromiso de facer un tramo do Camiño de Santiago, de visitar a cidade, de impulsar a reunión do Consorcio, do Real Patronato”. E o ministro de Fomento “de falar da estación do AVE, do remate do orbital, de falar doutras actuacións pendentes en Santiago, incluso de facer público que o día 24 se abre ao tráfico o tramo da autovía Lavacolla-Arzúa“.

Engade que “estamos moi contentos da súa presenza, aínda que non altera o contido fundamental do meu discurso: a candidatura que presido é a candidatura de Santiago e para Santiago, é a candidatura presentada polo Partido Socialista para todos os cidadáns de Santiago. E a miña aspiración política é ser o alcalde de todos os cidadáns de Santiago, dos que me voten e dos que non, vivan nun barrio ou noutro, vivan no rural ou no urbano. Un alcalde ten que traballar sempre para unir, polo interese xeral, e para representar e defender a súa cidade por encima de todo”.

Sobre a intermodal, sinalou que, cando tome posesión, no caso de ser elixido, lle pedirá unha entrevista a José Luis Ábalos para abordar o tema. Lembrou que está en desacordo co convenio asinado no seu día, e que espera obter o respaldo do ministro de Fomento e da presidenta de Adif, “coñecedora da miña posición e consciente do problema que temos coa estación do AVE de Santiago, que non existe”.

Engade Bugallo que “a mesma postura que tiñamos en 2011, mantémola agora. Desgraciadamente as circunstancias hoxe son distintas, entre outras cuestións porque as actuacións realizadas foron nunha dirección distinta. Polo tanto agora, temos que partir de feitos consumados: que se fixo o acceso ás vías por abaixo en lugar de por arriba, que en lugar de facer a prolongación da beirarrúa se fai unha pasarela… O que agora temos que ver é como, partindo deses feitos, conseguimos facer unha estación de verdade”. Unha estación que segundo o candidato á alcaldía, ten que estar cuberta, e na que se poidan sentar as persoas que esperan e os viaxeiros. Lembra que só hai 31 asentos para unha estación na que se prevén, en 2021, dez mil viaxeiros ao día.

Tamén cómpre facer, di prazas de aparcamento, porque as que hai son insuficientes. Sinala que o “Foro Cívico Empresarial vai apoiar todo o que propoñamos, porque é unha mellora radical do que hoxe hai. E todos xuntos temos que traballar para conseguir esa mellora”. Sobre a estación de autobuses, di que xa está, que entrará en funcionamento, pero, engade “non hai prazas de aparcamento. Non se tivo en conta que esa estación tamén é a estación das persoas que veñen de Ribeira, Arzúa ou Melide. E non veñen andando. Teñen que vir en autobús ou en coche”. Bugallo da datos: 300 prazas de aparcamento en superficie, para unha estación que lle vai prestar servizo a unha área de máis de 600.000 habitantes. No proxecto inicial, di, estaban previstas 1.500, e recorda que o aeroporto da Lavacolla ten 4.400 prazas.

Engade,“por iso nós pedimos no seu día que se esperara a licitar o proxecto de remodelación de Clara Campoamor. Non sei o que fará o actual goberno. Espero que non o licite, para dez días que lle quedan… Será o próximo goberno o que deberá buscar un proxecto que lle dea unha solución á actuación que se está realizando”. Aclara Bugallo que “non hai proxecto de estación de tren. O único que se fixo foi un proxecto provisional”. O proxecto inicial, sinala, era unha estación, e agora hai dúas estacións, a de tren e de autobús. Agora cómpre ver “como incorporamos unha coa outra, como as integramos”. Agora non hai intermodal. Hai dúas estacións”.

Comentarios
Lo más