Os comercios do Ensanche rotulan os seus escaparates coas frases de Antón Fraguas
Catro artistas plasmaron nos vidros pensamentos, recordos e cantigas recollidas polo etnógrafo para o primeiro Paseo Literario, organizado por Santiago Centro
Os comercios do Ensanche de Compostela súmanse á celebración do Día das Letras Galegas dando cabida nos seus escaparates a frases do autor homenaxeado este ano, Antón Fraguas. Desde primeiros de semana, o primeiro Paseo Literario organizado por Santiago Centro permite ao público achegarse á obra do etnógrafo a través de medio cento de pensamentos, recordos e cantigas rotuladas nos vidros dos establecementos.
Catro artistas emerxentes radicados na cidade (Lúa Gándara, María Meijide, Santi Jiménez e Haya Blanco) foron os encargados de rotular os escaparates con frases saídas dos traballos etnográficos de Fraguas. Trátase de pequenos fragmentos de memorias, artigos de prensa e estudos, pero tamén de cantigas populares recollidas polo polígrafo na súa Terra de Montes natal. Non faltan as referencias á¡ cidade de Santiago e mesmo aos antigos predios de labranza que hoxe ocupa o Ensanche santiagués, e que el coñeceu como mozo estudante nos anos vinte do século pasado.
O Paseo Literario é unha iniciativa máis coa que Santiago Centro pretende empregar o escaparatismo como fórmula para destacar poñer en valor o comercio do Ensanche e involucralo no día a día cultural da cidade, creando unha marca propia para a zona nova compostelá. A iniciativa está enmarcada na campaña de primavera do Centro Comercial Aberto do Ensanche, dentro da cal segue en marcha a mostra de escaparatismo floral, na que o público pode votar ata as 20.00 horas de hoxe xoves, e a través da que se sortearán 30 bonos spa e 6 vinilos decorativos entre as persoas que expresen as súas preferencias nas redes sociais de Santiago Centro. O pasado sábado, a campaña de primavera encheu a zona nova de descontos e actividades a través da V Festa do Comercio.
Organizada por Santiago Centro coa colaboración da Rede de Iniciativas Empresarias Em‐Rede, a campaña de primavera dos comercios do Ensanche conta co patrocinio do Concello de Santiago e da Xunta de Galicia. É xa a segunda iniciativa que Santiago Centro e EmRede realizan de modo conxunto, nun intento de potenciar o comercio retallista do Ensanche e dar valor ao seu papel como axente dinamizador dos barrios e das cidades.