A Xunta pon fin a creación de salóns de xogos e tendas de apostas en Galicia
Con esta medida, preténdese ofrecer seguridade e evitar accións especulativas antes da entrada en vigor da nova Lei do xogo, que manterá esta limitación
O Consello da Xunta deu onte o visto e prace a un acordo que ten como obxectivo planificar as autorizacións de instalación de salóns de xogo e tendas de apostas en Galicia. A través deste acordo temporal, limítase o número de autorizacións de ambas tipoloxías de establecemento aos que xa existen na actualidade e ás que están en tramitación.
En concreto, o límite sitúase en 118 salóns de xogo (97 xa funcionando e 21 expedientes pendentes) e 41 tendas de apostas, todas funcionando e sen ningunha solicitude en tramitación na actualidade. Deste xeito, garántese unha oferta de xogo respectuosa.
A actividade do xogo ten unhas características intrínsecas que fan necesaria unha intervención por parte da Administración para ofrecer seguridade ás persoas, garantir a protección dos menores ou persoas que o precisen por motivos de saúde e velar pola orde pública. O propio Tribunal de Xustiza da Unión Europea ten recoñecido que as consecuencias prexudiciais que comporta a actividade do xogo xustifica a imposición de límites para controlar os riscos.
No caso dos casinos e das salas de bingo, estes xa contan cunha planificación de autorizacións nas normativas correspondentes. Con todo, as outras dúas tipoloxías de establecementos de xogo -os salóns de xogo e as tendas de apostas- non contaban cunha planificación como tal, aínda que si con limitacións en materia de distancias a outros establecementos de xogo e/ou centros educativos de menores de idade.
O acordo aprobado onte ten un carácter temporal e transitorio, cunha duración máxima de nove meses desde a data da súa publicación, e á espera da entrada en vigor da nova Lei do xogo, que iniciará en breve a súa tramitación e que manterá esta limitación.
Ademais das razóns de interese xeral relacionadas coa orde e saúde pública, este acordo tamén ten como obxecto impedir condutas especulativas que poidan repercutir no futuro na eficacia da nova Lei do xogo e da planificación que se adopte con ela, especialmente tendo en conta que nos últimos anos se vén detectado un incremento considerable nas solicitudes de autorización e que no resto de comunidades autónomas se está producindo un enorme crecemento da actividade do xogo.