miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Bugallo mostra a súa forza nun acto multitudinario en Santiago

Bugallo mostra a súa forza nun acto multitudinario en Santiago
Bugallo mostra a súa forza nun acto multitudinario en Santiago

O candidato á alcaldía estivo acompañado polo Ministro de Fomento, José Luis Ábalos

A candidatura de Sánchez Bugallo celebrou onte o seu acto central de campaña no Hotel Monumento de San Francisco, no que expuxeron as liñas básicas do seu programa electoral. O acto abriuno a número dous da candidatura, Mercedes Rosón, a continuación interviron o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; o ministro de Fomento e secretario de organización do PSOE, José Luís Ábalos; e pechou o acto o candidato á alcaldía de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo. Tamén estaban presentes o portavoz do PSdeG no Parlamento, Xaquín Fernández Leiceaga; a deputada Pilar Cancela; e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada.

Despois de saudar aos presentes, Sánchez Bugallo comezou o discurso destacando “que onte tivemos a sorte de contar coa presencia de Pedro Sánchez, e hoxe coa do Ministro e Secretario de Organización do Partido socialista”. “E quero”, continuou, darlle moi especialmente as grazas aos dous. Porque iso me permitiu falar onte co presidente do Goberno do Ano Santo 2021, e do Consorcio da cidade de Santiago; e hoxe co ministro do orbital e da estación do AVE que non temos. Pero sobre todo, porque iso quere dicir que Santiago lles importa. E xa seguiremos falando destes temas a partir do 27 se así o queren os cidadáns de Compostela”.

A continuación, Sánchez Bugallo explicou “as tres razóns fundamentais para entender o noso programa: “porque somos o partido da igualdade, o partido da democracia (primarias), o partido do municipalismo (o partido que non goberna para os seus votantes, senón para toda a cidadanía). Porque “somos o partido que debate, que confronta, que elixe… Pero temos unha cultura política de lealdade, de principios, de valores”, e porque “nós non cambiamos cando a cousa nos vai mal. Non cambiamos de siglas nin nos vestimos de lagarteranas. Nós pómonos ao servizo dos nosos principios, do país, dos cidadáns, como fixo Alfredo Pérez Rubalcaba, un modelo para todos nós”.

Iso é, continuou “o que nos levou a estar no goberno de España, o que nos levou a pechar filas para crear unha candidatura unidade e forte e que nos trae a todos a estar aquí apoiando este proxecto. E por iso, engadiu, “estou eu aquí hoxe. Porque me doe enormemente o camiño que ten collido Santiago. Porque como todos vós, vexo que Santiago quedou atrás. Porque vexo un goberno municipal ocupado nas súas liortas partidistas, en vez de ocuparse de Santiago. E vexo un alcalde incapaz de cambiar de rumbo, empezando pola súa candidatura repartida en cotas. Esa é a razón pola que estou hoxe aquí”.

Asegura Sánchez Bugallo: “non creo nos gobernos que gobernan para os seus; no creo nos líderes que cambian de principios coma de gorra, non creo nos xestores que non fan e critican o que fan os demais. E engade, recollendo as palabras de Mercedes no discurso anterior, “quen deixa de xestionar case 50 millóns de euros rouba esa xestión aos cidadáns”.

Para Bugallo, “os políticos temos a obriga de xestionar; a nosa xestión é a vida da xente, e non podemos deixar á xente atrás por vagos, por floxos ou por incapaces. Non é unha opción, é unha obriga. Santiago non precisa un alcalde cómodo e dicharachero. Necesita un alcalde traballador. Ese é o problema de Santiago”. Argumenta o candidato á alcaldía que “mentres os cartos dormen no banco, a cidade está sucia, descoidada; os contratos sen saír, e un atraso acumulado que pide a berros un cambio”.

Sobre o programa electoral, definiuno como “un programa para os xoves de Santiago que precisan oportunidades e vivenda. Nós traballaremos para ofrecerlle esas oportunidades aos emprendedores, promovendo e apoiando iniciativas; captando empresas; desenvolvendo un programa para converter a Santiago en capital da creatividade e da promoción cultural”.

E, engadiu “faremos política de vivenda. Para para os xoves en réxime de aluguer, con prezos baixos. E para os sectores sociais con menores recursos, vivenda protexida. Para que non teñan que ir vivir fora de Santiago porque non poden pagar os alugueres, e para que poidan construír aquí a súa vida”.

Tamén dixo, “faremos política de apoio aos maiores, con servizos de atención domiciliaria, centros de día, e residencias”. E, “apoiaremos ao nos casco histórico, hoxe abandonado a súa sorte, con políticas de rehabilitación, e con inversións para que teña fibra óptica”.

Sánchez Bugallo mencionou especialmente o apoio ao “noso comercio” porque “sen comercio non hai cidade”. Tamén lembrou as medidas para o rural “cun plan de investimentos a oito anos, coa creación do fondo para obras e servizos no rural, coa súa integración nas redes de transporte público”, e as propostas para os barrios “apoiaremos aos nosos barrios con políticas de rehabilitación integral e reurbanización”.

O candidato á alcaldía rematou pedindo o apoio á cidadanía, sinalando “non nos fiemos das enquisas. O único que vale é o voto. Hai unha alternativa para recuperar o impulso de Santiago e para que todos os que quedaron atrás volvan ser o centro de Santiago. Necesitamos o teu apo io, para que Santiago sexa forte”. 

Comentarios
Lo más