Máis de 200 estudantes de Secundaria de Santiago e comarca achegáronse este curso a Asociación Área Empresarial do Tambre
Esta actividade forma parte do programa “Atrévete a ter unha idea”, posto en marcha coa Consellería de Educación a través do plan EDUEMPRENDE
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) fai balance da súa colaboración anual co Plan de Emprendemento no sistema educativo de Galicia (EDUEMPRENDE) da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia. Esta colaboración, en marcha desde 2014, estableceuse a través do programa “Atrévete a ter unha idea”, destinado a fomentar o emprendemento entre os escolares de Educación Primaria e Secundaria.
Neste curso escolar 2018-2019 desenvolvéronse diversas visitas á Asociación Área Empresarial do Tambre. Máis de 200 alumnos e alumnas de 1º e 2º da ESO visitaron o centro empresarial e asistiron a unha charla sobre o funcionamento e servizos da entidade e as características do tecido empresarial compostelá, ofrecida polo seu xerente José Manuel Beceiro. Os estudantes tamén coñeceron unha empresa por dentro, visitando nesta ocasión empresas como Castrosúa, El Correo Gallego, Tórculo, Coregal e Gamelsa.
Un centenar de escolares de Primaria visitaron o CIFP Politécnico de Santiago
Ademais, o programa consta de actividades de fomento do emprendemento para escolares de Primaria, dirixidas ao alumnado de 5º e 6º curso. Neste curso, visitaron o CIFP Politécnico de Santiago máis de 120 escolares de centros de Santiago e a súa comarca. Os alumnos participaron en encontros con empresarios que compartiron a súa experiencia no mundo da empresa. Nesta ocasión contouse coa colaboración do secretario da Asociación Área Empresearial do Tambre, Ramón Lois, e os empresarios Jesús Rodríguez e Xiana Zapata.
Continúa aberto ata o 20 de maio o prazo para o concurso sobre unha boa idea de negocio
O programa inclúe o concurso “Atrévete a ter unha idea!”. Os alumnos e alumnas que asistiron ás actividades e xornadas poderán participar no certame entregando unha redacción sobre unha boa idea de negocio. O certame aceptará propostas ata o 20 de maio.
Premiaranse as dúas mellores ideas de 5° e 6° de Educación Primaria e de 1° e 2° de ESO, que recibirán dúas táboas dixitais de agasallo por categoría. Os resultados publicaranse na páxina da Consellería de Educación (www.edu.xunta.gal) e na web da Asociación Área Empresarial do Tambre (www.poligonotambre.com). En xuño celebrarase o acto de clausura do programa ao que estarán invitados representantes do mundo da empresa e da administración educativa, e farase entrega dos premios do concurso.