miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A Casa de la Troya organiza un “paseo rosaliano” este venres para conmemorar o Día das Letras Galegas

A Casa de la Troya organiza un “paseo rosaliano” este venres para conmemorar o Día das Letras Galegas
A Casa de la Troya organiza un “paseo rosaliano” este venres para conmemorar o Día das Letras Galegas

O sábado, Día Internacional dos Museos, celebrarase unha xornada de portas abertas no museo

O Museo Casa de la Troya ten en marcha a iniciativa dos Venres Troyanos, todos os venres de maio e xuño. Trátase de roteiros culturais teatralizados por diferentes rúas e prazas do casco antigo de Compostela, co fin de achegar aos participantes, de maneira amena e divertida, os feitos históricos relativos ao tempo no que transcorre a novela de Pérez Lugín La Casa de la Troya.

O roteiro deste venres, 17 de maio, que coincide coa conmemoración do Día das Letras Galegas, será gratuíto. Os participantes nesta experiencia terán a oportunidade de realizar un “paseo rosaliano” pola Compostela de La Casa de la Troya e tamén por lugares emblemáticos vencellados coa poetisa Rosalía de Castro. Comezará ás 12:00 horas e sairá da praza do Toural, cunha duración aproximada de unha hora e media, rematando diante do museo.

Nesta ocasión haberá dous guías. Por un lado estará, como é habitual, Suso Martínez, historiador, guía turístico, divulgador e actor especializado na historia de Galicia, que estará caracterizado como o estudante Barcala da novela de Pérez Lugín. Pola súa parte, a guía e actriz Belén Espiñeira representará a Rosalía de Castro. Os dous interactuarán durante todo o itinerario, comentando os fitos históricos e literarios que se agochan tras os muros de Compostela, mesturando o contido histórico co humor.

Xornada de portas abertas

O sábado, Día Internacional dos Museos, celebrarase unha xornada de portas abertas. O Museo Casa de la Troya poderá visitarse, de xeito gratuíto, durante todo o día, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 h. Cada media hora faranse visitas guiadas á vella pensión de estudantes, cunha duración aproximada de 25 minutos. A primera comezará ás 11:00 h e a última ás 18:30 h.

Redución no prezo das entradas e no CD “Viva Galicia!”

Benigno Amor, presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo, sinala que os visitantes que se acheguen esta semana ao museo e presenten tícket de compra na Praza de Abastos terán desconto nas entradas. A xeral pasa de 2,50 a 1,50 € e a reducida -para estudantes, xubilados, pensionistas e peregrinos- pasa de 1,50 a 1 €. A Casa de la Troya abre o xoves, venres e sábado en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

Ademais, durante estes días haberá un desconto especial no prezo de venda do CD “Viva Galicia! A música no tempo de La Casa de la Troya”, gravado por “Troyanos de Compostela”, que poderá adquirirse a 12 €.

Comentarios
Lo más