Hernández anuncia a creación da Concellería de Familia
Hernández destacou que, a través deste organismo, instaurarase o Programa “Rexuvenece Santiago”, que supón un conxunto de medidas que buscan incentivar a natalidade e apoiar a crianza dos fillos
O presidente do Partido Popular e candidato á alcaldía de Santiago de Compostela, Agustín Hernández, anunciou onte, en rolda de prensa, unha das cláusulas prioritarias do seu contrato capital, documento que recolle os compromisos coa cidade. Unha das medidas máis transcendentes para o Partido Popular de Santiago é a creación da Concellería de Familia, que centralizará as políticas de conciliación, infancia e maiores.
Hernández destacou que, a través deste organismo, instaurarase o Programa “Rexuvenece Santiago”, que supón un conxunto de medidas que buscan incentivar a natalidade e apoiar a crianza dos fillos. O Popular explicou que se establecerá unha axuda económica por nacemento e outra de retorno para os santiagueses que residen noutros concellos.
Coincidindo co Día Internacional da Familia, Hernández destacou que, de acadar o Goberno da cidade o vindeiro 26 de maio, o seu equipo traballará para fortalecer a política municipal de atención ao benestar dos menores, facendo especial fincapé en programas de prevención e detección de situacións de risco para evitar intervencións tardías e, polo tanto, menos eficientes.
Así mesmo, tamén se reducirá o custe da matrícula nas escolas infantís municipais para o segundo e os seguintes fillos; promoveranse bonificacións no recibo da auga para as familias numerosas; incrementaranse as bolsas de comedor, material escolar e actividades extraescolares, considerando as condicións económicas das familias en tempo real; crearase un servizo de canguraxe que facilite a conciliación en situacións imprevistas, sobrevidas ou extraordinarias que poidan alterar a vida diaria das familias, e favorecerase a creación e mellora de espazos e servicios de ocio infantil, así como de programación específica.
Máis medidas
“Incluiremos, no contrato municipal de comedores e madrugadores, un servizo de conciliación para as tardes; adoptaremos medidas no sector do transporte público que faciliten o seu uso por parte das familias con menores e ampliaremos a gratuidade do transporte de autobús municipal aos menores de idade”, agregou.
Hernández destacou que “a familia, nas súas distintas realidades, é un soporte fundamental da sociedade, polo tanto as políticas locais non deben esquecer a súa protección, especialmente no caso dos menores, pero sempre respectando a autonomía familiar”.
Por elo, Agustín Hernández subliñou que “a misión principal será garantirlles aos nosos rapaces un entorno estruturado, que lles permita un desenvolvemento estable, polo que merecerá especial atención o deseño e execución de programas de educación de rúa e de prevención do absentismo escolar”.
No eido da prevención, “implantaremos programas socioeducativos destinados á infancia e á adolescencia para advertir e atender condutas violentas, aditivas e de acoso escolar, solicitaremos a incorporación de Santiago no programa PlanetYouth na procura de parar e reverter o aumento no consumo de alcohol, tabaco e cannabis entre os adolescentes; ademais impulsaremos actividades de ocio saudable para a mocidade, retomando o traballo para que Santiago volva a ser unha cidade libre “de botellón”, remarcou.
Persoas maiores
En canto aos maiores, “crearemos programas que mellore o seu benestar e calidade de vida, como é o proxecto que presentamos estes días: “Maiores sen reparos, acompañar a soidade”, pensado para fomentar a integración e participación dos nosos maiores na vida social, promovendo a solidariedade a través do acompañamento voluntario e as relacións interxeracionais baixo o criterio da posta en valor da experiencia”, dixo.