Brión entrega hoxe a Xavier Lama o I Premio Laudamuco
O certame, que promove a figura de Vidal Bolaño, foi convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas
A carballeira de Santa Minia en Brión acollerá hoxe xoves 16 de maio, ás 12:00 horas, a entrega da primeira edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, gañado polo escritor Xavier Lama López pola obra “Na miña alma ouvea un lobo”. Un premio que será entregado polo alcalde de Brión, José Luís García, en representación das tres entidades convocantes do premio: Concello de Brión, Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas.
O acto terá lugar nunha pequena tarima emprazada a carón do busto homenaxe a Roberto Vidal Bolaño na carballeira de Santa Minia (en caso de choiva, trasladaríase ao interior da sala de exposicións, a 10 metros do lugar). Ademais do premiado e do alcalde de Brión, tamén intervirán a presidenta da Academia Galega de Teatro, Inma Antonio Souto; e o fundador de Edicións Positivas, Francisco Macías, que serán presentados polo técnico de Cultura de Brión, Alberto Álvarez.
Así mesmo, está prevista a intervención dos membros do xurado do premio (Rosa Álvarez, María Barcala, Luma Gómez, Manuel Guede e Damián Villalaín), que farán unha lectura de distintos fragmentos da obra gañadora. Pola súa banda, Xavier Lama recibirá un premio dotado con 7.000 euros, publicación da obra por Edicións Positivas e unha escultura realizada polo artista Xosé Vizoso.
XAVIER LAMA
Xavier Lama, natural de Guntín (Lugo) e afincado en Santiago, concorreu ao certame coa obra ‘Na miña alma ouvea un lobo’, presentada co lema ‘Refachos de dor’. O xurado, que avaliou os 54 textos presentados, fundamentou a súa decisión, tomada por maioría, na “capacidade do autor para explorar, con notable eficacia dramática e a través de sucesos e personaxes tomados da realidade, zonas escuras do funcionamento dos estados modernos, sen impoñerlle ao lector puntos de vista únicos”. Ademais valoraron “moi positivamente as potencialidades escénicas que se derivan dun texto estruturado en cadros ou escenas breves que favorecen un ritmo áxil á vez que contundente”.
Xavier Lama López, que na actualidade traballa na TVG, foi durante doce anos profesor da Universidade de Santiago de Compostela, desempeñando tal función na Facultade de Ciencias da Comunicación en Santiago e na Facultade de Humanidades en Lugo. Licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, traballou e colaborou como columnista en diversos medios impresos e audiovisuais. O seu labor xornalístico mereceu diversos premios, entre eles o Galicia de Xornalismo ao mellor artigo en 1989. No eido literario, Lama, que suma dezaoito libros como autor ou coautor, ten no seu haber os premios Álvaro Cunqueiro de Narrativa, o Camiño de Santiago, o Rafael Dieste, o Manuel María ou o María Casares de Teatro, así como o Esquío e o González Garcés de poesía.