El Corte Inglés conmemora o Día das Letras Galegas coas firmas de Manuel Portas e Arantza Portabales
A cita e o xoves 16 ás 19 horas na Librería, planta baixa
Con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas 2019, é co fin de para poñer en valor a literatura que se crea na nosa contorna máis próxima, El Corte Inglés de Santiago organiza unha multifirma o mércores, día 16 de maio, ás 19 horas.
POR PUNTO, de Manuel Portas, Librería (planta baixa). Premio Blanco Amor 2018. A vida está chea de casualidades, de situacións baixo o ditado das coincidencias e os caprichos do destino. O curso para a recuperación do carné de conducir é un lugar e un tempo no que cadran un mangado de homes e mulleres singulares mais que teñen algo en común. Descoñecidos entre si, as circunstancias fan que agora aparezan como o que son: persoas solitarias, mozos á espreita, biografías indecisas e, así e todo, dispostas a arriscarse para conseguir unhas pingas de cariño. Por puntos é o retrato —por veces sentimental, por veces traxicómico, outras acedo e corrosivo— dunha realidade próxima e cotiá que endexamais deixa de ser sorprendente. Entre venres e sábados, durante catro xornadas, os personaxes desta novela deixan entrever as súas grandezas e as súas miserias, as súas coitas, os seus devezos e inseguridades. Á mala sorte contraponse a esperanza, á frustración vaina frear un futuro aínda aberto: a pesar de todo, poida que o amor ocupe a mesa do lado.
Manuel Portas (Barcelona, 1960) é profesor de Lingua e Literatura no instituto Xelmírez I de Santiago, do que é director. Alén da colaboración en obras de carácter didáctico e publicacións pedagóxicas, é coñecido polo seu labor no campo da análise sociolingüística, onde salienta Língua e sociedade na Galiza (1990), obra sobranceira da sociolingüística galega. Colaborador da prensa compostelá, a súa dedicación á res publica e o seu compromiso nacionalista levárono a participar na vida política e a formar parte do goberno municipal de Compostela ao longo de dous mandatos. Denso recendo a salgado (2010) foi a súa primeira novela. Seguírona Un dedo manchado de tinta (2011), Faneca Brava (2013) e Amor en alpargatas (2015). Con Lourenço, xograr obtivo o Premio García Barros en 2015.
BELLEZA ROJA, de Arantza Portabales, Librería (planta baixa). Unha novela negra arrasadora. En Santiago cométese un espantoso crime que, en realidade, semella unha obra de arte. Unha instalación de vangarda. A asasinada é a sobriña da máis importante artista galega, e a maneira en que aparece o cadáver semella un dos seus traballos de vangarda. Todo o cuarto cuberto uniformemente co sangue da vítima. Será que matar pode ser unha forma de arte?
Seis persoas, todas achegadas á vítima, son sospeitosas, porque todas poderían ter motivos para cometer o crime. Polo medio, paixón sen control e un manexo da intriga que fai desta autora unha das voces cruciais da novela negra galega contemporánea.
Arantza Portabales (San Sebastián, 1973) Filla de emigrantes galegos, é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e funcionaria da Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia. Iníciase como escritora no ano 2013, cultivando o xénero do microrrelato. Participou en libros colectivos como 40 plumas e pico, As palabras contadas, Lecturas d'Espagne, volume 2, Purorrelato de Casa África, volume 2 e Escribo 3. Regularmente escribe microficción en http://unanubedehistorias.blogspot.com.es/. En outubro de 2015 publicou o seu primeiro libro de microrrelatos: A Celeste la comprá en un rastrillo. Ese mesmo ano, a súa novela Sobrevivindo (Galaxia 2015) resultou vencedora do XV Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. Os dereitos da súa novela, Deixe a súa mensaxe despois do sinal, publicada inicialmente en galego, foron vendidos a tres importantes editoriais estranxeiras tras a noticia da súa publicación en Lumen. Beleza vermella, no xénero policiaco, marca a consagración dunha gran e versátil narradora.