Unha manifestación en Santiago demandará a aprobación dun estatuto enerxético
Os comités de empresa das cinco plantas piden á Administración central que "toca xa regular esta situación cun estatuto"
Os comités de Alcoa A Coruña e San Cibrao, Ferroatlántica Sabón e Cee-Dumbría- CCHH e de Celsa Atlántic convocaron onte unha manifestación conxunta para o próximo 20 de maio en Santiago para reivindicar "que non se demore máis" a aprobación dun estatuto que regule o sector.
A marcha partirá ás once da mañá desde o Estadio de San Lázaro e concluirá na sede da Xunta co lema "Por un futuro para a industria electrointensiva", informa o presidente do comité de empresa de Alcoa na Coruña, Juan Carlos López Corbacho.
Corbacho sostén que "falta regulación" para as empresas do marco enerxético e que están a ter "moitos problemas" por iso, ata o punto de que se atopan nunha "situación límite".
De feito, continúa, os traballadores do resto de plantas, ademais de Alcoa na Coruña, "ven esta situación nosa como unha posibilidade para elas se non se arranxa", polo que a "preocupación é máxima".
Os comités de empresa das cinco plantas piden á Administración central que "toca xa regular esta situación cun estatuto" e á Xunta de Galicia "todo o que ten que ver coa industria, que ten competencias e tenas que facer valer" para "protexer a industria emprazada en Galicia".
Ante as próximas eleccións europeas, os convocantes sosteñen que a súa problemática o é a nivel europeo e hai que "regulala".
"Pedimos que se poñan as pilas e que regulen esta situación a nivel europeo, que se teña en conta que España é unha illa energéticamente falando", abundou.
O Ministerio de Industria decidiu non levar ao Consello de Ministros o proxecto de Estatuto de Consumidores Electrointensivos despois de que a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia alertase de que os mecanismos incluídos poderían ser considerados axudas de Estado.
O Goberno asegura que está a traballar nun novo texto que espera ter en próximas datas e poder mostralo publicamente co "máximo de seguridade xurídica e de rigor".