Compostela Aberta reformará o polideportivo de Santa Isabel
Compostela Aberta tamén se compromete a manter e consolidar a Festa do Deporte, impulsada neste mandato como forma de potenciar todo tipo de disciplinas
O alcalde e candidato á reelección, Martiño Noriega, e a concelleira de Deporte e número 10 da candidatura de Compostela Aberta, Noa Morales, deron conta onte do “terceiro dos trece retos que temos por diante para gañar ‘Máis Futuro’ para Santiago” e que leva por nome “Máis deporte que latexa”, onde se recollen as propostas en materia deportiva coas que Compostela Aberta concorre ás vindeiras eleccións municipais.
Martiño Noriega sinalou ademais que “o noso compromiso de políticas deportivas parte da idea do deporte, non só como saúde senón tamén como medio de socialización para a veciñanza” e por iso as propostas se enfocan dende unha triple perspectiva. Por unha banda, o compromiso co mantemento das 21 instalacións deportivas municipais “nas que comezamos a obrar neste mandato ao comprobar o estado de abandono que moitas levaban sufrindo durante anos”, segundo sinalou Noa Morales.
De feito lembrou que o goberno de Compostela Aberta investiu “máis dun millón de euros na reforma de equipamentos como o campo de fútbol de Santa Isabel, o campo de rugby da USC, ou pavillóns como o Monte dos Postes ou o Apóstolo Santiago”. Por iso Compostela Aberta desenvolverá un Plan de mellora e mantementode instalacións deportivas naqueles equipamentos con necesidades de obras importantes como o pavillón de Vite, o Quiroga Palacios ou os campos do Sergas ou Cancelas.
Ademais de levar a cabo proxectos de renovación das instalacións existentes, “cómpre que planifiquemos novos equipamentos en zonas de Compostela que gañan poboación ou que teñen máis carencias neste sentido”. Por iso está previsto crear unha área deportiva nas Brañas de Sar, dacordo cos intereses da veciñanza do barrio, e que estea ben integrada nunha zona que ten un enorme valor ambiental “que recuperamos tamén neste mandato”. Xunto a esta proposta, Compostela Aberta propón cubrir a actual piscina do Multiusos Fontes do Sar cunha cuberta acristalada que substitúa o actual globo a presión e que permita usar a piscina con garantías durante todo o ano.
Ademais e, tendo en conta a carencia de espazos multiusos na zona de Conxo e Santa Marta, outra das propostas pasa por crear un equipamento no barrio, como xa se lle trasladou á veciñanza nunha xuntanza mantida hai un par de semanas.
Outra das propostas pasa por reformar por completo o pavillón de Santa Isabel “despois de telo feito no último ano co campo de fútbol, no que se investiron 600.000 euros”. Compostela Aberta propón realizar obras nunha instalación deportiva na que non se realizou ningún investimento dende que se creou.
Martiño Noriega quixo deterse especialmente na construción da cidade da Raqueta “un proxecto sobre o que levamos traballado conxuntamente coas federacións durante este mandato e que queremos impulsar nas inmediacións do Estadio Verónica Boquete”. Un proxecto compartido coas federacións de squash, tenis de mesa e bádminton que busca ser un referente na práctica, fomento e tecnificación destes deportes así como un referente á hora de desenvolver competicións estatais e internacionais.
DEPORTE DE BASE E FEMININO
O segundo eixo pasa por “continuar fomentando o deporte de base, o deporte feminino e os deportes minorizados como viñemos facendo durante estes catro anos”. Por iso entre as propostas destacan o aumento da bolsa de subvencións por concorrencia competitiva aos clubes e federacións, o apoio decidido a equipas e clubs femininos así como a aposta firme de que a nosa siga a ser unha cidade sede de campionatos e competicións femininas. Nesa liña inclúese tamén o compromiso de seguir impulsando e lograr consolidar un evento como a Festa do Deporte, unha acción que busca fomentar as preto de 50 disciplinas deportivas que hai en Compostela e coa que se quere premiar o gran labor das entidades deportivas.
Ademais, Compostela Aberta comprométese a seguir impulsando as campañas de fomento dos deportes minoritarios que se veñen levando a cabo nos últimos dous anos, como o desenvolvido nos centros escolares para o coñecemento de deportes como o squash ou o xadrez e que tivo moi boa acollida polos colexios. E todo iso mantendo o compromiso co deporte inclusivo e para persoas con diversidade funcional. Compostela, Capital deportiva.
A terceira clave do programa de deportes pasa por seguir facendo na nosa unha Compostela capital deportiva, que acolla eventos de primeiro nivel aproveitando a potencialidade dos nosos equipamentos. “Xa o fixemos neste mandato acollendo unha proba do Mundial de Enduro, a Supercopa de España de Baloncesto, o mundial de xadrez sub 8, sub 10 e sub 12 ou a fase final clasificatoria para a Eurocopa sub19 de seleccións feminina”. As competicións deportivas servirán como ferramenta para desestacionalizar o turismo, pero tamén como escaparate para as diferentes entidades e prácticas deportivas do noso concello. “Queremos seguir traballando nesta liña, xa que é unha forma tamén de contribuir a economía local da cidade”.
O actual alcalde e candidato explicou tamén outra das propostas de CA para os próximos catro anos que pasa por “garantir a maioría pública en XADE, sociedade mixta encargada da xestión do Multiusos de Sar”. Tal e como explicou Martiño Noriega, “isto é posible neste momento grazas ao traballo sementado nestes catro anos, nos que conseguimos que o Multiusos voltase á normalidade, auditando e actualizando as contas de XADE, que levaban anos sen fiscalizar, e relanzando o equipamento coa programación de grandes eventos deportivos e musicais”.