Bugallo quere que a administración sexa "eficiente, áxil, de calidade e transparente"
O candidato á alcaldía e a número 6 da lista, Marta Abal, presentaron as 49 medidas do programa sobre fiscalidade, xestión administrativa, e transparencia. Entre elas, crear bases de datos de acceso público nas que se poidan consultar todas as subvencións outorgadas ou recibidas polas distintas entidades e empresas
O candidato á alcaldía de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e a número seis da candidatura, Marta Abal, presentaron as propostas sobre xestión económica e administrativa, fiscalidade e transparencia incluídas no programa electoral. O obxectivo, segundo destacaba Abal, “acadar unha administración eficiente, con procedementos áxiles, e baseada nas tecnoloxías da información”. Unha administración transparente, incidía Bugallo, con bases de datos de acceso público no que poidan consultarse todas as subvencións outorgadas ou recibidas polas distintas entidades e empresas, así como as contratacións das administracións.
Para acadar unha administración eficiente, deseñáronse nove medidas. Marta Abal destacou algunhas delas, como impulsar a tramitación rápida de das licenzas municipais de obras, de xeito que ningunha licenza poida demorarse máis de 3 meses desde a súa entrada no rexistro municipal; a revisión periódica dos regulamentos e procedementos municipais para eliminar aqueles trámites que non aportan valor co obxectivo de reducir as esixencias burocráticas para a cidadanía; e a ampliación progresiva da realización de trámites administrativos a través da web municipal, garantindo o dereito da cidadanía a relacionarse, de xeito telemático, co Concello.
O apartado de melloras na xestión administrativa consta de 23 propostas. Entre elas, o impulso e renovación dos servizos municipais máis relevantes, que teñen os seus contratos en situación de prórroga, como os de transporte, a recollida de lixo e limpeza viaria, procurando, segundo Marta Abal “a modernización destes servizos a través de fórmulas de xestión que mellor defendan os intereses da cidadanía”.
Outro punto importante, o impulso, no primeiro ano de mandato, da xestión renovada do servizo de auga e saneamento, procurando reducir o seu custe e homologar trámites e procedementos cos municipais. E, destacaba Abal, un “Sistema de Xestión da Avaliación e a Calidade nos distintos Servizos Municipais conforme cos requisitos da norma internacional UNEEN ISO 9001:2000, como forma de incorporar na súa xestión novas metodoloxías e ferramentas de calidade para mellorar a prestación dos diferentes servizos públicos proporcionados á cidadanía”. E, tamén é importante, a ampliación dos servizos de resposta inmediata, establecendo unha carta de compromiso (Carta de Servizos), na que se determinen aqueles servizos que poden ser facilitados con resolución inmediata, os que poden ser resoltos en menos de 48 horas, e os que poden ser resoltos en menos de dez días.
TRANSPARENCIA
Das propostas recollidas no apartado de transparencia, Marta Abal destaca a de “habilitar, baixo os requisitos da Axencia Española de Protección de Datos, canles éticos que permiten a comunicación confidencial”. O obxectivo, detectar posibles malas prácticas, conflitos de interese, transgresións da normativa legal ou violación das normas éticas; coa finalidade de erradicalas.
Nese exercicio de administración transparente, Sánchez Bugallo destacaba a creación de bases de datos de acceso público no que poidan consultarse todas as subvencións outorgadas ou recibidas polas distintas entidades e empresas, así como as contratacións das administracións. Ditas bases deberán reflectir claramente a finalidade da subvención, porque se dá, a cantidade que se subvenciona, e os mecanismos que se habilitarán para comprobar o seu correcto uso.
Segundo explicou Bugallo, “entendemos que ten que haber axudas, que ten que haber contratos menores. Porque hai moitas pequenas empresas que os precisan, que traballan así, é unha fonte para desenvolverse.. Pero ten que estar xustificado, ten que estar motivado e ten que haber un obxecto claro deses contratos”. Hoxe, continúa o candidato á alcaldía, “non hai unha transparencia clara nesa materia. O goberno actual, que agora remata o seu mandato, é un goberno absolutamente falto de transparencia, de unha opacidade tremenda”. Argumenta con datos “que non podo contrastar porque está sen aprobar a liquidación do orzamento de 2018, que por certo está fora de prazo, tería que estar o 31 de marzo… O ano pasado gastáronse sete millóns de euros neste tipo de contratos. Moito diñeiro para un concello que ten un gasto real de 85 millóns de euros”. Sinala Bugallo que “nós non imos mirar cara atrás, pero o que si queremos asegurar é que o que se faga en adiante se faga ben e con transparencia”.
XESTIÓN ECONÓMICA
O apartado de mellora da xestión económica municipal contén dez medidas. A primeira, unha programación plurianual dos investimentos municipais, facilitando a participación cidadá, acompañada dunha realización efectiva, para evitar as baixas taxas de execución dos últimos anos. Outra proposta que destacaba Marta Abal, a avaliación dos principais servizos para detectar se se adaptan ás novas situacións, ás necesidades de modernización, ou a posibles aforros.
Tamén se procederá, segundo explicou Abal, á revisión das taxas e prezos públicos a aboar polos principais servizos municipais, para garantir unha utilización racional dos mesmos polos usuarios. Outro apartado destacado: a presentación dun Plan de Mellora Organizativa, que avance na conformación de áreas funcionais integradas, para eliminar duplicidades no funcionamento da administración e nos programas de gasto.
En canto á fiscalidade, tres medidas: impulsar unha bonificación no IBI en favor das familias numerosas e de menor renda; promover unha reforma das ordenanzas que regulan as tarifas de auga e saneamento para que se teñan en conta o número de integrantes da unidade familiar e establecer os tramos de consumo; e revisar a aplicación de bonificacións do IBI por insuficiencia de servizos para procurar unha imposición proporcional aos núcleos rurais de ordenanzas 11, 12, 6A e 6B, que carecen de abastecemento de auga e saneamento.
PREGUNTAS
Na quenda de preguntas, Sánchez Bugallo volveu insistir en que, no asunto da remunicipalización da auga, “encargaremos un estudio obxectivo, de alternativas, non predeterminado. En función dos resultados tomaremos a decisión que consideremos máis convinte para prestarlle o mellor servizo aos cidadáns, e as mellores contrapartidas posibles en materia de investimentos”. Sinala Bugallo que “é necesario ser consciente que temos que aproveitar o novo contrato, tanto para renovar gran parte da rede, como para levar a rede de saneamento a moitas parroquias e núcleos do rural que non a teñen”.
Explicou que o servizo tería un custe de 52 millóns de euros, que se financiarían, dixo, con aportacións do propio concello, a través de convenios coa Xunta e con outros concellos limítrofes, e a través do recadado pola xestión da rede. E sinalaba “eu ata agora a ninguén lle vin desglosar estes conceptos e que teña unha idea de como se financia”. Nós, engade, “como nos preparamos para a responsabilidade de gobernar, tamén pensamos moito como imos encaixar as pezas dos compromisos que asumimos”. E finaliza, “non me gustaría, que dentro de catro anos, me pase como lle pasa hoxe a algún, que o 60 por cento das cidadanía di que se sinte decepcionada. Gustaríame que o 80 ou 90 por cento dos veciños, dentro de catro anos, entendan que se cumpriron os compromisos previstos”.
Sobre posibles pactos despois do 26 de maio Sánchez Bugallo é contundente: “nós presentámonos para gañar as eleccións. Nós somos un partido de goberno, e presentámonos para gañar a confianza dos cidadáns de Santiago. Non dou por feito nada, nin descarto nada. O día 26 o pobo decidirá que é o que quere ter. E o día 27 pola mañá, comparecerei neste lugar, e contarei o que imos facer. Eu non lle vou por nin tachas, nin limitacións ao que decidan os cidadáns de Santiago”. E engade, a partir do 27 teremos a responsabilidade de administrar o resultado en beneficio da cidadanía. Sexa mellor ou sexa peor, nos guste máis ou menos...Nós somos servidores dos cidadáns de Santiago. Así nolo plantexamos. Eles dirán como en que posición queren que esteamos para servilos”. Ensinando o programa aos xornalistas, Bugallo afirmou; “este é o noso compromiso”.