Agustín impulsará un programa de acompañamento para as persoas maiores
O proxecto “Maiores sen reparos: Acompañar a soidade” busca paliar o illamento emocional e social con asistencia colaborativa e poñer en valor a expriencia dos maiores como un ben colectivo
Máis do 20% da poboación de Santiago ten máis de 64 anos e moitas desas persoas viven soas. Para abordar esa realidade, unha das vintesete cláusulas prioritarias recollida no contrato electoral de Agustín Hernández coa cidadanía de Santiago contempla articular diferentes programas de atención ás persoas maiores. Por un lado, mellorando aqueles que se veñen prestando desde hai anos polo Concello -como é o caso da promoción do envellecemento activo ou do servizo de Axuda no Fogar- e, por outra banda, creando novas liñas de coidado que procuren mellorar a calidade de vida das persoas maiores atendendo á súa saúde emocional, porque o benestar non só se determina pola saúde física senón tamén polos aspectos emocionais, que son os grandes esquecidos.
Con ese fin os Populares propoñen un proxecto de atención á soidade emocional e social daquelas persoas maiores do noso Concello que vivan soas, ou teñan problemas de mobilidade que lles impidan desenvolver actividades cotiás ou de ocio, ou aquelas outras que precisan un alento de compañía para recuperar azos.
O programa será prestado por voluntarios e de xeito colaborativo pero baixo a coordinación da Concellaría de Servizos Sociais. Polo tanto, trátase dun plan de acompañamento pero tamén de aprendizaxe e de fomento da solidariedade.
A través dos datos que ofreza o censo municipal sobre persoas maiores de 64 anos –outras das propostas para o novo mandato- poderanse concretar as persoas en situación de soidade, o seu estado de saúde, as necesidades, as aficións, a situación socio-económica, etc. Sobre ese mapa de necesidades crearase un corpo de voluntariado aberto a todas as persoas, alleas a organizacións e institucións sociais, pero especialmente a xóvenes e maiores para que, de xeito organizado, pero dende a xenerosidade, presten a súa compañía a aquelas persoas que o precisen.
Os obxectivos deste programa son moi amplos, pero fundamentalmente os de intercambiar experiencias, fomentar a solidariedade, romper cos estereotipos relacionados coa idade e compartir afectos.
A relación interxeracional co voluntariado xove aportará aos maiores non só acompañamento, senon tamén vitalidade, autoestima e integración e aos máis novos aprendizaxe, identidade cultural e valores. Cando o voluntariado sexa exercido entre maiores fortalécese a idea de relación grupal, de compartir actividades, vida social e experiencias similares.
“Acompañar a soidade” pretende a plena integración das persoas maiores na vida social baixo o criterio da posta en valor da experiencia e baixo o principio de dar e recibir como fundamento dunha sociedade respetuosa cos nosos maiores e educadora da mocidade en valores de solidariedade.
As actividades de acompañamento poderán realizarse a nivel individual ou colectivo: o primeiro como acompañamento a domicilio ou con saídas ao exterior, tanto para prestar colaboración en tarefas cotiás (facer a compra, xestións administrativas, cita médica…) coma para compartir tempo de ocio (cine, paseos, concertos, biblioteca, excursións…); e o segundo como relación grupal para realizar actividades conxuntas en función das aficións e necesidades comúns.
Esta iniciativa programa vai acompañada tamén no programa popular doutras propostas para as persoas maiores, como un centro interxeracional con ludoteca para os máis pequenos, a introducción do programa “xantar na casa” e o “cohousing” ou aloxamentos compartidos, procurando a colaboración coa Xunta de Galicia no ofrecemento de pisos baleiros para facilitar a convivencia de persoas maiores que vivan soias e decidan compartir compañía e servizos.