Unha comunicación da Xerencia Integrada de Santiago premiada na categoría de innovación e modelo asistencial
Presentáronse máis de 1.000 comunicacións de toda España e só premiaron 6, unha en cada área temática
Unha comunicación da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago recibiu o venres o premio á mellor comunicación na categoría innovación e modelo asistencial no marco do XXI Congreso Nacional de Hospitais que rematou o venres en Santiago de Compostela. Trátase da comunicación “implantación e resultados dun programa de optimización de antimicrobianos nun hospital terciario” presentada por Pedro Rascado.
O programa de Optimización de Antimicrobianos (PROA) é un programa de calidade que pretende mellorar a seguridade do paciente. Destaca o seu carácter multidisciplinar, xa que nel participan a unidade de enfermidades infecciosas do servizo de Medicina Interna, o servizo de Farmacia, Microbioloxía, Medicina Preventiva e UCI.
O seu principal obxectivo é optimizar as prescricións de antibióticos, para que cada paciente reciba o antibiótico óptimo para a súa infección durante o tempo adecuado. Optimizar a antibioterapia pretende que que se trate de maneira adecuada aos pacientes, intentando previr a aparición de resistencias.
O equipo PROA da Xerencia de Xestión Integra de Santiago fai seguimento a máis de 1.500 prescricións. O seu traballo centrouse principalmente nos “carbapenems”, antibióticos de amplo espectro, que é necesario usar de maneira óptima para que manteña a súa efectividade e que se poidan seguir empregando cando se necesiten nos pacientes máis graves. Coa implantación do programa conseguiuse reducir o consumo de “carbapenems”.
Tamén se rexistrou unha tendencia descendente nas resistencias a antibióticos. Esto último no depende só dos PROA senón tamén do traballo do servizo de Medicina Preventiva, a eficaz realización de illamentos, ademais de prevención da infección asociada a coidados.