Ascensores Orona colabora con Cruz Vermella Santiago nun proxecto de empoderamento de mulleres
O proxecto está destinado a mulleres que afrontan múltiples factores de vulnerabilidade: a carencia de recursos, a falta de emprego, a violencia machista, as cargas filioparentais ou a falta de vínculos son algúns deles
A directora de área de Ascensores Orona, Ángeles Ríos, e o Conselleiro social de Orona, Francisco Pendas fixeron entrega esta mañá da doazón de 1.400€ que fará á Asemblea de Cruz Vermella en Santiago. Cada ano, o persoal de ORONA en Galicia, decide a que proxectos destinar parte dos beneficios anuais da empresa; este ano, o proxecto elexido é Artemisa, unha iniciativa que Cruz Vermella puxo en marcha a finais de 2018 coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e Radio Voz e que ten por obxectivo o empoderamento de mulleres en dificultade social.
O proxecto está destinado a mulleres que afrontan múltiples factores de vulnerabilidade: a carencia de recursos, a falta de emprego, a violencia machista, as cargas filioparentais ou a falta de vínculos son algúns deles. Dende outubro de 2018, unha vintena de mulleres participaron nas sesións teórico-prácticas sobre temas vencellados á Universidade, ademais das sesións de radio participativa, onde elas deciden os contidos que abordarán. Deste xeito, ao longo do curso traballouse en habilidades e na mellora das capacidades das mulleres, así como a autoestima e o fomento de vínculos entre elas, de xeito que cada encontro é un espazo de seguridade onde poder expresarse. O proxecto finaliza o vindeiro 30 de maio cunha actividade de ocio que decidirán as propias mulleres.
“Estamos moi orgullosos de poñer a noso grao de area para axudar nesta demanda social existente en Galicia por parte de mulleres con problemas sociais”, declarou Ángeles Ríos, Directora de ORONA en Galicia. “Alédanos poder responder á demanda que nos facían as mulleres e ser capaces de poñer en marcha este proxecto, suscitando a colaboración con varias entidades, e agora tamén das traballadoras e traballadores de Ascensores Orona, a quen agradecemos o seu compromiso coas mulleres e coa igualdade”, expresou o presidente de Cruz Vermella.
Cruz Vermella apoia de maneira transversal ás mulleres nos distintos proxectos cos que conta en Santiago e que desenvolve cunha perspectiva de xénero; conta cun proxecto propio dentro do Plan de Emprego para mulleres, xestiona o servizo ATENPRO do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social e desenvolve proxectos para educar en igualdade ás crianzas.