Bugallo quere crear un Consorcio Metropolitano de Transportes
A adxudicación dun novo contrato de transporte urbano que contemple a renovación da flota de autobuses, a priorización do uso peonil, e a incorporación progresiva da bicicleta son outras das propostas incluídas no programa electoral presentadas hoxe polo candidato á alcaldía.
O candidato á alcaldía de Santiago,Xosé Sánchez Bugallo, presentou as medidas sobre mobilidade incluídas no programa electoral. Son 27, agrupadas baixo o epígrafe “A cidade a escala humana”, e divididas en 3 eixos: a priorización do uso peonil, a incorporación progresiva da bicicleta, e o transporte urbano. Isto a nivel xeral. Máis en concreto, destacou “a necesidade urxente de licitar un novo contrato de transporte urbano, o actual está xa vencido, para que entre en vigor no ano 2021”; e a creación dun Consorcio Metropolitano de transportes para a conexión dos núcleos rurais que non se poidan integrar no transporte urbano.
Para Sánchez Bugallo, o uso peonil debe ser priorizado “porque non é contaminante e é saudábel”. E debe ser acompañado, di, pola incorporación progresiva da bicicleta. Lembrou que no ano 2010 había 10 estacións municipais de bicicleta, e outras 6 da Universidade. “Desgraciadamente, sinala, alguén tomou a decisión de abandonar ese sistema e non se volveu recuperar. “Creemos que hai que recuperar ese sistema. Nos diferentes ámbitos, hospitais, universidade, barrios, debe haber estacións de bicicleta”. Tamén é preciso, explicou, “recuperar circuítos de bicicleta”, e xeralizar as zonas 30, a todo o casco urbano”.
Sinala o candidato que todas as vías dun só carril, con carácter xeral, deben ser zona 30 e todas as vías urbanas interiores, probablemente fóra da Avenida de Lugo, tamén”. Isto suporía limitar a velocidade a 30 quilómetros/hora. “Facilitaría, argumenta Bugallo “a convivencia da bicicleta e do automóbil dentro do mesmo espazo”, e incrementaríase tamén a seguridade.
Sobre o terceiro eixo, o transporte público, realizarase un novo Plan de Mobilidade Urbana 2020/2030, coa revisión dos traxectos das principais liñas de transporte urbano, a L-1, L-5, L-6 e L-11, nas que se concentras máis do 60% dos viaxeiros, estudando distintas actuacións de mellora.
Lembrou que o contrato de transporte público de Santiago está vencido desde 2016. Neste momento recorda que “é imprescindible sacar a concurso o novo contrato”. Explica o candidato que “nos gustaría sacalo nos seis primeiros meses, para que entre en vigor no 2021”, porque neste momento “a xestión do transporte urbano é bastante desastrosa, desde o punto de vista dos equipamentos”. Argumentábao sinalando que non se renovou vehículo algún neste mandato, e no anterior renováronse tres autobuses”. A antigüidade media da flota sitúase, segundo dixo, en torno aos 12-14 anos, “un exceso porque hai autobuses que teñen 16 ou 17 anos e seguen en circulación”.
O programa socialista plantexa a “reorganización do sistema de transporte público, integrado ou coordinado”, dependendo da Xunta de Galicia, que é quen ten as competencias fóra do ámbito urbano. Neste momento, ademáis do casco urbano, o concello ten competencias cedidas pola Xunta no corredor de Lugo, “onde intentaremos integrar os núcleos urbanos do termo municipal, ou alo menos, os que legalmente nos sexa posible integrar.”
Co obxectivo de dar un servizo de calidade a todos eses núcleos do rural non integrados no ámbito urbano, a candidatura de Sánchez Bugallo propón “a creación do Consorcio Metropolitano de Transportes, ou un órgano semellante, coa participación da Xunta de Galicia, e os concellos limítrofes. Propón Bugallo que a participación da Xunta sexa maioritaría, o ostentar as competencias; e “os concellos teriamos unha participación proporcional ao número de usuarios”. A función deste Consorcio sería xestionar e coordinar a prestación do servizo na área metropolitana e nos núcleos de poboación non incluídos no ámbito urbano. metropolitano. Actualmente realízase a través de convenios bilaterais con cada unha das empresas. Para Bugallo “a competencia tena a Comunidade Autónoma, pero os afectados son os cidadáns do concello e da contorna de Santiago”. O candidato á alcaldía tamén apostou por potenciar os aparcamentos de borde da cidade, incrementando o seu número.
Bugallo comezou sinalando que a área municipal de Santiago ten características que lle dan complexidade. Citaba un casco urbano extenso, trinta quilómetros cadrados, máis do doble ca da cidade da Coruña; un termo municipal extenso e diverso, con 140 núcleos de poboación, e unha área metropolitana “aínda máis extensa, que establece unha relación moi directa con Compostela”, e que denomina o gran Santiago”. Recorda o candidato á alcaldía, que en 2011 quedou entregado un Plan de Mobilidade, cun custe de 90.000 euros, e para o que se fixeran 16.000 enquisas. “Descoñecemos se hai outro plan. Se é así estudiarémolo, para ver se da resposta as demandas”.
ACTUALIDADE
Antes de presentar o programa de mobilidade, Sánchez Bugallo agradeceu a Cáritas que cedera provisionamente unha vivenda a unha familia que ía ser desfiuzada na Torreira. Na súa opinión, “ninguén pode quedar atrás”. Neste momento, sinala “Hai parcelas municipais e autonómicas onde se podía construír vivenda social, criando herba. Nos últimos anos, conclúe, “non se levantou nen unha soia vivenda social”. Sobre ás enquisas, analízaas con prudencia. “A única enquisa que vale é a do 26 de maio. Ata ese día só temos indicios e anécdotas”.
PREGUNTAS
Preguntado sobre sobre o seu regreso á política, respondeu: “non teño ambición persoal. Teño ambición de cidade”. “Se eu vise que hai outra opción mellor, sería o primeiro en dar de novo un paso ao lado e facilitar que outra opción vaia adiante. Pero a incapacidade de Martiño Noriega, para dar resposta aos problemas de Santiago, de resolver as demandas de Santiago; incluso para comprender a Santiago en moitos aspectos, é unha das razóns que me motivan para volver. Iso, a petición de moitas persoas e o ofrecemento do meu partido. Se non se deran as tres cousas, eu non estaría hoxe aquí”. Bugallo é rotundo, “ambición persoal non teño ningunha. Nunca vou ser candidato a presidente da Xunta”.
Á pregunta de se se retiraría se perde as eleccións, Bugallo é contundente: “eu teño un compromiso de permanencia coa cidadanía e co meu partido. Polo tanto, na posición en que os cidadáns me poñan, desempeñarei esa función con absoluta lealdade á cidade de Santiago, e aos cidadáns de Santiago. E traballando polo interés xeral e polo ben común da cidade de Santiago”. E engade, “teño ese compromiso. Coa cidadanía e co meu partido. Que ninguén conte coa miña dimisión sexa cal sexa o resultado o día 26. Asumirei toda a responsabilidade, iso si. Se nun momento determinado vexo que son un obstáculo para a cidade, tomarei a decisión que teña que tomar. Porque non teño ningunha ambición persoal”.
SERVIZO DE AUGA
Tamén se pronunciou sobre a remunicipalización do servizo da auga, un posicionamento que pediu Compostela Aberta. Asegurou que “Compostela Aberta é un exemplo paradigmático de eficacia. É incapaz de sacar o concurso do contrato da transporte, en catro anos foi incapaz de sacar o concurso do contrato da limpeza, ten multitude de materias sen concurso, sen contrato, como a Escola Municipal de Música…” E, continúa, “agora ofrécese como garantía de xestionar un servizo básico para a cidade, como é a auga e o saneamento”.
Engade Bugallo, “que valoren os cidadáns se iso lle merece moita confianza ou non”. “Nós escolleremos o sistema que mellor responda ás necesidades e intereses da cidadanía de Santiago de Compostela. Escolleremos a opción máis económica, que garanta un servizo máis eficaz, e as mellores contraprestacións e garantías para a cidadanía”. Bugallo subliña: “encargaremos un estudio e a partir de aí tormaremos a decisión que teñamos que tomar. Non aceptamos ningún posicionamento previo, nós tomaremos a decisión que mellor responda aos intereses da cidadanía. Os composteláns queren un servizo con todas as garantías, coas mellores condicións e dende logo que lle aporte os maiores beneficios”.
Continúa Bugallo dicindo que non tomará decisións que respondan a supostos ideolóxicos, salvo aquelas que fan referencia, como socialistas, as verdadeiras políticas sociais. “Non imos deixar a ninguén atrás, imos apoiar aos máis débiles, e imos facelo de verdade, non de boquilla”. Que ninguén pense que “consentirei que ano tras ano quede un millón e pico de euros sen gastar de prestación social, nin un millón de euros de programas de vivenda, nin outro millón de euros de programas de emprego”. Recorda Bugallo que é obrigatorio por lei que a liquidación do orzamento se publique en marzo e “estamos a maio e aínda non sabemos que pasou co orzamento de 2018 máis que por un documento curioso, a liquidación do cuarto trimestre, que por certo, que nese exercicio de transparencia, Compostela Aberta quitouno da páxina web”.