Cruz Vermella apoiou a 2.077 persoas en risco de exclusión durante 2018 na cidade
Cruz Vermella presentou a súa memoria de actividades na comarca de Santiago, que beneficiou en total a 7.600 persoas a través dos seus proxectos tanto para persoas en vulnerabilidade como para a cidadanía en xeral
Coincidindo coas celebracións do Día Mundial da Cruz Vermella, a Asemblea da organización en Santiago de Compostela presentou esta tarde a súa memoria de actividades á cidadanía nun exercicio de transparencia. O acto, celebrado no Centro ABANCA Obra Social, contou coa presencia do presidente da Asemblea Comarcal de Cruz Vermella en Santiago de Compostela, José Luis Barreiro Conde; a coordinadora comarcal, Rocío Ovalle; a presidenta provincial de Cruz Vermella na Coruña, Mercedes Casanova Díaz; e a Concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos do Concello de Santiago,Concepción Fernández Fernández.
Durante o ano 2018, Cruz Vermella atendeu en Santiago de Compostela a 2.077 persoas en risco de exclusión, das que 721 son persoas en vulnerabilidade extrema que recibiron o apoio da organización a través do reparto de alimentos, vales para a compra, axudas educativas, sanitarias ou de suministros, ademais de participar en sesións que buscan aumentar as competencias destas persoas. Así, a organización atendeu a un total de 221 persoas sen fogar -das cales 77 estaban en situación de rúa- a través dos proxectos que desenvolve coa financiación do Concello de Santiago e da Xunta de Galicia.
Para Cruz Vermella, o emprego é unha das vías fundamentais para que as persoas poidan saír adiante por elas mesmas, e por iso desenvolve un Plan de Emprego co que cada ano apoia a 350 persoas en vulnerabilidade, das cales o 68% conseguiu unha inserción laboral.
En canto ás persoas inmigrantes, en 2018 a organización apoiou a 100 persoas a través de información de acollida, asesoramento legal e clases de castelán e alfabetización.
O segundo colectivo máis numeroso ao que apoia a Asemblea de Cruz Vermella en Santiago son as persoas maiores. En concreto, durante o 2018, 687 persoas (60 máis que o ano anterior) participaron nos proxectos que teñen por obxectivo fomentar a participación social deste colectivo a través do acompañamento a xestións, chamadas semanais e participación en charlas e festas, e de previr e manter a súa saúde mediante actividades como obradoiros de memoria, manualidades ou xerontoximnasia. Delas, 582 son usuarias do servizo de Teleasistencia, unha axuda para que poidan sentirse seguras e ser autónomas mentres permanecen nos seus domicilios.
INFANCIA E XÉNERO, CUESTIÓNS PRIORITARIAS
Cruz Vermella considera que é fundamental apoiar á infancia e ás mulleres en dificultade social, colectivos especialmente vulnerables, para producir cambios duradeiros e profundos na sociedade. No caso das mulleres, Cruz Vermella traballa con perspectiva de xénero nos seus proxectos e conta cun proxecto propio dentro do Plan de Emprego para mulleres, xestiona o servizo ATENPRO do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social e desenvolve proxectos e campañas para educar en igualdade ás crianzas. Ademais, este ano a organización puxo en marcha un proxecto de empoderamento de mulleres en dificultade social co apoio de Radio Voz e da Universidade de Santiago de Compostela a través de voluntariado.
A Organización tamén leva a cabo varios proxectos que buscan defender os dereitos da infancia. A través do acollemento familiar, un programa da Xunta de Galicia xestionado por Cruz Vermella, conseguiu que 83 menores da zona puidesen vivir nun entorno familiar durante o tempo no que as súas familias biolóxicas, por diferentes motivos, non puideron atendelos axeitadamente. Tamén outros 66 menores recibiron apoio socioeducativo e 29 persoas maiores. que se encargan dos seus netos e netas, participaron nas Escolas de Avós e Avoas Educadoras.
PROXECTOS E SERVIZOS PARA A CIDADANÍA
Ademais destes proxectos, Cruz Vermella desenvolve actividades para beneficio da cidadanía, co obxectivo de apoiala en momentos cruciais (como a través dos servizos de emerxencias, que o ano pasado deron atención sanitaria a 200 persoas), como a través de formación (con 1.500 alumnas e alumnos o ano pasado) e de campañas sobre temas sociais, como as de promoción da saúde. Foron 2.341 as persoas que participaron no Espazo de Busca Activa de Emprego (EBAE) que a entidade pon á disposición de quen o precise na súa sede, na Avenida de Lugo.
Pola súa parte, Cruz Vermella Xuventude, impartiu sesións de educación para a saúde e prevención de conductas violentas a 1.300 xóvenes de distintos centros educativos da cidade, outros 800 participaron nas campañas sobre violencia de xénero, VIH, coeducación, etc. e máis de 1.000 persoas se beneficiaron do proxecto Cibercaixas no Hospital Clínico, un espazo de ocio necesario para os numerosos nenos e nenas que permanecen hospitalizados.
Así, o ano pasado un total de 5.504 persoas se beneficiaron destes proxectos e servizos (mil máis que o ano anterior), chegando, xunto cos proxectos para persoas en vulnerabilidade, a case 7.600 persoas.
Ademais disto, a entidade destinou un 10% dos seus fondos á cooperación internacional e nacional, boa parte deles dirixidos á apoiar as Asembleas de Cruz Vermella do sur de España na resposta á presión migratoria.
Toda esta actividade foi posible grazas a un total de 24 técnicos, 308 persoas voluntarias, 3.568 persoas e empresas socias e 122 empresas colaboradoras.
ENTREGA DE RECOÑECEMENTOS
Este ano, a Cruz Vermella incorpora o recoñecemento a persoas e empresas colaboradoras coa entidade. Así, na categoría de empresa socia recoñeceu o compromiso do Hospital HM Rosaleda, que colabora económicamente coa entidade dende o ano 1973, o mesmo en que Juana Otero Insua se fixo socia de Cruz Vermella Santiago, sendo a persoa socia máis antiga da Asemblea de Santiago.
Ademais, entregou tamén un recoñecemento á Fundación José Otero-Carmela Martínez, que dende hai sete anos colabora coa entidade financiando proxectos de infancia e xuventude, e a Urimare Castillo que, desde o seu inicio como voluntaria no 2018, facilitou o desenvolvemento de varios proxectos fundamentais para a entidade.
INICIO DA CAMPAÑA DO SORTEO DO OURO
Neste marco, Cruz Vermella fixo a presentación da actual campaña do Sorteo de Ouro, unha das principais vías de financiación da entidade; todos os fondos que se recaden a través da venda de boletos en Santiago se destinarán a financiar as actividades que desenvolve a entidade na nosa comarca.
Ata mediados de xullo, un equipo de vendedores porán a disposición da cidadanía os boletos deseñados e asinados por Alejandro Sanz, Niña Pastori, Rafa Nadal, Agatha Ruiz de la Prada, Mireia Belmonte, Joaquín, Maribel Verdú, Jesús Calleja, José Mota e Carlos Sobera. Cada boleto representa un dos ámbitos de traballo da entidade, tales como a actuación en emerxencias, a loita contra a pobreza, a infancia, o emprego para colectivos vulnerables, a migración, a violencia de xénero, a cooperación internacional e as persoas maiores. Baixo o lema “Non é cuestión de sorte”, Cruz Vermella reivindica os dereitos das persoas e anima á sociedade a que se implique para acabar con situacións de inxustiza e desigualdade.