Arranca a campaña electoral para o PSOE coas miras ben postas en Raxoi
Para Bugallo, despois de “catro anos de tempo perdido, Santiago atópase nun momento crítico para o futuro"
Ás doce da noite, coa sede local do PSdeG ateigada de persoas, a candidatura de Sánchez Bugallo abría oficialmente a campaña electoral de caras as muncipais do 26 de maio. Sobre un escenario branco e vermello, as cores socialistas, o candidato á alcaldía de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, descubriu o cartel electoral. Foi a través dunha pantalla, onde se ían superpondo imaxes: un plano medio seu, un TI no centro, e máis abaixo, á dereita dúas frases en vermello: Somos Santiago. Vota Sánchez Bugallo.
O candidato comezou cunhas emotivas palabras adicadas a Alfredo Pérez Rubalcaba, “un home que prestou importantes servizos a este país en postos de resposabilidade” e que engadiu, “no seu día foi vítima de campañas de inxurias, aínda que hoxe, como sempre sucede neste país, se lle recoñece a súa enorme intelixencia, capacidade, vocación de servizo e lealdade ao país e os múltiples servizos que prestou a España e a todos os españois”.
A continuación, ante as persoas asistentes e os membros da súa candidatura, sinalou que “afrontamos estas eleccións cheos de ilusión, de alegría e de confianza no futuro. Para Bugallo, despois de “catro anos de tempo perdido, Santiago atópase nun momento crítico para o futuro. Estamos a saír da crise. Como salgamos dela vai condicionar o noso futuro. Se fracasamos neste despertar, quedaremos atrás definitivamente”.
Para o candidato á alcaldía compostelá “esta é a nosa oportunidade. A oportunidade de que Santiago ocupe unha posición de referencia cara o resto de Galicia, de España e de Europa. A oportunidade de ofrecerlle un futuro aos nosos fillos, a oportunidade de construír unha sociedade máis xusta, que protexa aos máis débiles e que garanta a igualdade de todos: homes e mulleres”.
Sánchez Bugallo rematou a súa intervención afirmando que “estamos nunha nova etapa de construción. Podemos aportar experiencia, traballo e ideas, e por iso temos o mellor equipo que se pode presentar a unhas eleccións”. Pero, indica “nesta saída da crise debemos recomezar todos xuntos, sen que ninguén quede atrás”.