miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Bugallo aposta por dotar á zona sur de Santiago dun novo gran centro deportivo

Bugallo aposta por dotar á zona sur de Santiago dun novo gran centro deportivo
Bugallo aposta por dotar á zona sur de Santiago dun novo gran centro deportivo

Baixo o epígrafe “A cidade en forma”, o número 5 da candidatura, Gonzalo Muíños, e a número 10, a atleta Esther Pedrosa; presentaron esta mañá en rolda de prensa as propostas de deportes do programa electoral, que se sustentan en infraestruturas, en investimentos en deporte entendido como calidade de vida; e no deporte federado

O número 5 da candidatura de Xosé A. Sánchez Bugallo, Gonzalo Muíños, e a número 10, a campioa Esther Pedrosa, presentaron onte as principais propostas en materia deportiva. Susténtanse, como explicou Muíños, en tres grandes apartados: as infraestruturas, os investimentos en deporte entendido como calidade de vida, e no deporte federado.

Precisamente destes aspectos falaron os dous integrantes da candidatura do PSdeG-PSOE, xunto co propio cabeza de lista; no encontro sectorial que se desenvolveu na tarde de onte e na que participou un bo número de representantes de clubs e entidades do sector na cidade. As achegas e suxestións de ditas entidades tivéronse en conta á hora de elaborar o programa, segundo afirmou Gonzalo Muíños.

Deporte e infraestruturas

As principais apostas no eido de infraestruturas e equipamentos pasan por construír un novo gran centro deportivo na zona sur da cidade, similar ao multiusos de Sar, “que dea resposta a uns barrios que se atopan en importante crecemento, como Conxo ou Santa Marta, e inclúa, entre outros equipamentos, una piscina”. Gonzalo Muíños tamén anunciou “o compromiso socialista para executar un novo pavillón con salas de usos múltiples e que permita a varios clubs adestrar ao mesmo tempo”.

Retomar o proxecto da Cidade da Raqueta, analizando a mellor localización e modo de xestión, e tendo en conta ás diferentes administracións, é outra das propostas. Complétase, no apartado de infraestruturas, “coa elaboración e posta en marcha dun plan de mantemento de instalacións e o arranxo da piscina de Fontes do Sar, de modo que se poña fin aos constantes problema que da o actual globo”, segundo o número 5 da lista de Bugallo.

Deporte e saúde

Muíños tamén falou das iniciativas en materia de deporte asociado á saúde e calidade de vida. Así, subliñou que “os dous ríos que ten Santiago, o Sar e o Sarela, serán a base sobre a que levar a cabo unha serie de rutas de sendeirismo, por exemplo, para que sexan utilizadas en actividades ao aire libre”, tamén por aquelas paras persoas que participan nas actividades programadas polos centros socioculturais.

Ademais, apostou por chegar a un acordo coa Federación de ANPAS para que os pavillóns dos centros escolares poidan ser utilizados polos clubs en horario non lectivo; e por promover en colaboración con outros departamentos, como o de Mocidade, a realización de actividades náuticas, como o surf, a vela ou o mergullo.

Deporte federado

Pola súa banda, campioa do mundo de cross e subcampioa do mundo de 1500 na categoría máster, Esther Pedrosa, deu conta das propostas vencelladas ao deporte federado. O Xacobeo 2021 o, sobre todo, o 2027, son escenarios importantes, dixo, para atraer á cidade grandes eventos deportivos que "dean imaxe da marca Compostela" e que, sobre todo, poidan ter continuidade. As axudas específicas para clubs, e de xeito especial para deportistas de elite, para que queden adestrando en Santiago por falta de recursos; o asesoramento a clubs e entidades para desenvolver trámites e subvencións; a colaboración coas federacións para desenvolver cursos de interese para o sector; e a promoción de eventos, especialmente, daqueles "clásicos" como a Volta Ciclista da Ascensión, o rallie Botafumeiro ou o torneo de pesca do escalo; son algunhas das iniciativas que inclúe o programa socialista.

Finalmente, apostou Pedrosa por “establecer un convenio entre o Concello e a Universidade de Santiago para poder aproveitar as instalacións que nun determinado horario non están sendo utilizadas”, ao tempo que avogou por homologar a pista de atletismo "que tanto necesita Santiago".

Comentarios
Lo más