miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Bugallo presenta a súa campaña electoral como elemento principal o "TI"

Bugallo presenta a súa campaña electoral como elemento principal o "TI"
Bugallo presenta a súa campaña electoral como elemento principal o "TI"

Trátase dun elemento, o TI, que coloca ás persoas, á cidadanía no centro “das nosas políticas”, segundo apuntaba Mercedes Rosón; e un Somos Santiago que é segundo Mari Lemos, “ a nosa base de referencia, o orgullo de ser compostelán”.

TI. Este é o elemento central da campaña das eleccións municipais, presentada onte polo candidato á alcaldía de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a número 2 da súa lista, e responsable de comunicación, Mercedes Rosón; e a responsable da campaña, Mari Lemos. Un lema escollido por dúas razóns. Enumerounas Mercedes Rosón na rolda de prensa: “porque a cidadanía, TI, es o centro das nosas políticas” e porque cómpre “colocar, por, de novo a Santiago como referente, facendo que todos os composteláns se sintan orgullosos da súa cidade”.

Ese TI, no centro da palabra Santiago, lembra que todos nós, que TI, tamén es parte da cidade. Unha idea, unha evocación que se completa co lema “Somos Santiago”, sobre unha foto do candidato á alcaldía. “Unha campaña simple, pero moderna e moi atractiva”, engade Mercedes Rosón. Este era, di, “o primeiro requisito que lle pediamos aos deseñadores: demostrar que no centro da campaña estaban as persoas, os composteláns e compostelás”.

A segunda parte, a cidade como referencia complétase co Somos Santiago”. Mari Lemos explicou o contexto no que xurdiu este lema. “A precampaña comezou co Vamos Santiago, porque entendiamos, nese momento, que Santiago necesitaba un impulso porque estaba dormida. Agora transitamos a Somos Santiago. Ao orgullo de ser o que somos, e a esa idea colectiva de sentir que todos formamos parte disto”.

Explica Mari Lemos que “comezamos amosando primeiro o elemento evocador, o TI, que xa está as rúas. É unha forma de mostrar que agora vai de ti, que non se trata tanto de elixir entre ideoloxías, se non que toca pensar en ti mesmo, en nós mesmos, nas necesidades da cidadanía”. Sobre o lema, Somos Santiago, a responsable de campaña sinala que “é a nosa base referencia, o orgullo de ser Santiago. Todos estes elementos condénsanse no cartel xunto a foto do candidato”.

É unha campaña austera, sinala Mari Lemos “fundamentalmente de papelería, pero tamén de soportes para completar o merchandising”. Destaca Mercedes Rosón o impacto que xera “con elementos de contraste, pondo no centro ao candidato, pero co TI sobre a súa faciana, para demostrar que os cidadáns están diante de todo na súa cabeza, e que tamén os temos no noso corazón”. Sobre os elementos cromáticos e a inconografía, sinala que “recollen as cores de Galicia, o azul e o branco, presentes en todas as fotos; e as cores do PsdeG, o branco e vermello, totalmente presentes”.

Actos

A campaña comeza o xoves, coa pegada de carteis, na sede local do PSdeG-PSOE, en Montero Ríos.

O acto central terá lugar o mércores, día 15, no Hotel San Francisco. Completarase con encontros coa veciñanza dos distintos barrios de Santiago e do rural. Vai ser, segundo Mari Lemos “unha campaña máis de rúa. O candidato vai continuar percorrendo cada punto da cidade, como ven facendo nos últimos meses”. Segundo Bugallo “os cidadáns prefiren o diálogo e que os escoiten. Escoitar, propor, recoller, todo iso é importante”. O acto final de campaña, se o tempo o permite, terá lugar na Praza Roxa.

Sobre se vai participar algún alto cargo do PSOE na campaña, Bugallo sinalou que “sempre entendemos que este era un compromiso entre nós e os nosos veciños. Polo tanto ata o de agora, con carácter xeral, non é o noso criterio. Pero tampouco descartamos que vaia aparecer alguén por aquí. Calquera que pase por aquí será ben atendido. Pero o compromiso é entre nós e os nosos conveciños. A campaña somos nós e o programa é o programa de Santiago, como sempre”.

Propaganda electoral: fusión Santiago Teo e contrato limpeza

Os temas da fusión de Santiago co concello de Teo, e o prego de condicións do servizo de recollida de lixo; Sánchez Bugallo considéraos propaganda electoral.

Sobre a fusión de Santiago e Teo Bugallo cre que “é un tema absolutamente artificioso, que non responde ás preocupacións dos cidadáns. Os cidadáns de Santiago están preocupados, abrumados e indignados, porque as licenzas tardan de dous a tres anos en tramitarse. Están indignados porque a cidade, non a ven como unha cidade limpa. Están indignados polo estado de moitas beirarrúas e de moitas vías de comunicación deste municipio, pola limpeza, polos autobuses que can a cachos. A min en ningún barrio, ningún veciño me mencionou, nestes seis meses, que estaba moi preocupado pola fusión do concello de Teo. Ningún”. Continúa o candidato, “non deixa de sorprenderme, e chámame a enormemente a atención, que un alcalde que resultou incapaz de xestionar Santiago, pretenda xestionar tamén Teo.

Bugallo pregúntase: “Será para trasladar aos nosos veciños de Teo as enormes bondades desta xestión eficaz na que a cidade non se limpa, os contratos non se sacan a licitación, as beirarrúas non se arranxan e as licenzas tardan de dous a tres anos en tramitarse?”. E continúa, “nós desde logo, no que nos imos centrar é nos problemas que ten Santiago, e en por a Santiago na posición na que debe estar como capital, non só política e administrativa, senón como capital, como referencia, na que se miren as cidades galegas, desde o punto de vista cultural, de política de vivenda, desde o punto de vista urbanístico, e desde todos os puntos de vista”. “Polo tanto, referíndose ao tema da fusión “non queremos perder ningún minuto con el. Por certo, o alcalde de Teo faría ben en preguntarlle primeiro aos seus veciños o que opinan, digo porque vexo posicións contraditorias sobre este tema”.

Sobre o contrato de recollida de lixo, recorda Bugallo que finalizou o 20 de abril de 2015. “E agora, en maio de 2019, en plena campaña electoral, veñen vender non sei que. Nós non imos entrar nunha proposta da que descoñecemos os estudos económicos, descoñecemos os estudos sobre a súa viabilidade xurídica, e descoñecemos os estudos sobre se a organización dos servizos responde exactamente ás necesidades”.

O que dicimos, continúa, “é que está fóra de tempo. E como intentar marcar un gol despois de que o árbitro pite a final do partido. Ese tempo xa pasou para Compostela Aberta. Tivo 4 anos para facelo. Agora xa non lle corresponde. Tera que ser a próxima corporación a que analice a proposta que se presenta. Poderá facer a avaliación técnica, poderá facer a avaliación económica, moi importante porque a terán que pagar os cidadáns de Santiago; e desde o punto de vista xurídico ver tamén a súa viablidade. E a partir de aí, tomar as decisións que haxa que tomar”.

Recorda Bugallo que normativa europea e a lei de contratación non so excusa. “Catro anos de retraso. En 2018, ese concurso tiña que estar convocado e resolto. Todo iso son desculpas. Por certo non nos constan, tampouco os informes dos servizos técnicos municipais. Non hai desculpa ningunha. Un prego condicións dun servizo destas características é complexo e é normal que leve entre seis meses e un ano, pero non catro anos. Iso non é comprensible”. E engade, “non nos ofrece ningunha garantía. A partir do 27 de maio o prego será avaliado e o que estea ben manterase, e o que non haberá que revisalo”.

Conclúe Bugallo, “estamos nunha etapa na que o goberno de Compostela Aberta se caracteriza por tirar a casa pola ventá, cun criterio de que todo o que non fixemos en 47 meses, ímolo intentar sacar nun mes. A que prezo, en que condicións? As que sexan. Se veñen outros que apanden, e se estamos nós xa veremos como nos arreglamos” Para Sánchez Bugallo esta última frase resume o plantexamento e o criterio actual de Compostela Aberta. Iso, remata o candidato “non nos parece responsable e desde logo, completamente extemporáneo”. 

Comentarios
Lo más