A campaña de primavera no Ensanche comeza enchendo de flores os escaparates dos comercios
A programación continúa o sábado 11 con promocións, outlets, agasallos e actividades na zona nova de Compostela
Os comercios do Ensanche de Santiago de Compostela abriron onte a campaña de primavera, que durante dúas semanas encherá de escaparates creativos, actividades e ofertas as rúas da zona nova. A primeira das accións, convocada por Santiago Centro, Área Comercial, en colaboración coa asociación de iniciativas empresariais Proxecto Em‐Rede, é unha iniciativa de escaparatismo que decora con motivos primaverais os vidros dos comercios. As propostas continúan cunha xornada de compras (a celebrar o próximo sábado 11 con descontos, outlet e actividades en toda a zona moderna) e un Paseo Literario que cubrirá a próxima semana con frases de Antonio Fraguas os escaparates dos comercios con motivo da celebración do Día das Letras Galegas.
A iniciativa de escaparatismo floral comezou hoxe e estará vixente ata o próximo 16 de maio. Este é o primeiro paso dunha proposta que pretende repetirse periodicamente e en diferentes épocas do ano.
O espírito da acción é utilizar a decoración dos vidros dos comercios para distinguir a oferta comercial do Ensanche, dándolle unidade en determinadas épocas destacadas e converténdoa nun atractivo en si mesma para veciños e visitantes. Neste caso, os establecementos participantes utilizan motivos florais e vexetais para celebrar a estación, empregando diversos materiais en creacións orixinais e perfectamente integradas nas ventás dos locais.
O público pode participar votando telematicamente a través do álbum de fotos en Facebook. Votar leva aparellada a posibilidade de gañar un dos 36 agasallos. Trátase de 30 bonos para un circuíto spa completo en Espagat Urban Gym&Spa e 6 vinilos decorativos para o fogar, de 120 x 80 cm a elixir entre varios modelos, de Copy Nino.
A programación de primavera de Santiago Centro e Em‐Rede conta co apoio do Concello de Santiago e da Xunta de Galicia, e prosegue o próximo sábado co a celebración da Festa do Comercio, que saca á rúa postos con produtos aos mellores prezos e ofrece actividades, agasallos, descontos e zonas outlet.
Os clientes recibirán, ademais, o regalo dun póster cunha orixinal vista do Ensanche realizada pola artista Lúa Gándara. Xa para a semana que vén, os vidros dos comercios lucirán frases do antropólogo e escritor Antón Fraguas, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.