O Principal acolle a obra "Anatomía dunha serea"
A obra, protagonizada por Iria Pinheiro, aborda o tema da violencia obstétrica e foi sementada na Berberecheira de Chévere
O Teatro Principal de Santiago acollerá os días 9 e 10 de maio dúas novas funcións de Anatomía dunha Serea, un espectáculo baseado nunha historia de vida de Iria Pinheiro e desenvolvido na Berberecheira, o laboratorio de creación escénica de Chévere, que aborda o tema da violencia obstétrica.
Protagonizado pola propia Iria Pinheiro, producida por Chévere e dirixida por Xron, a obra toma como referencia o nacemento do fillo da propia actriz no 2016, que acabou converténdose nunha experiencia traumática.
Anatomía dunha serea, nace da necesidade de contar unha historia íntima, de transformar un acontecemento único e ao mesmo tempo común a moitas mulleres nun acto escénico compartido. Un relato aparentemente unipersoal e illado que de pronto ten eco noutras persoas en todo o mundo e se converte nunha historia global contada nunha voz soa.
Anatomía dunha serea é un proxecto de teatro documental e autobiográfico que fala das condicións nas que se dá a vida na sociedade actual, de como concibimos a maternidade nun mundo dominado pola lóxica do beneficio económico, de como asumimos a violencia contra as mulleres dentro dun hospital ou dunha sala de partos. Fala de violencia de xénero en lugares insospeitados. Da falta de respecto pola intimidade nas contornas sanitarias e de certos tabús que persisten na sociedade hoxe e aquí.