miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Bugallo, xunto a Rosón, presentan o programa cultural da súa candidatura

Bugallo, xunto a Rosón, presentan o programa cultural da súa candidatura
Bugallo, xunto a Rosón, presentan o programa cultural da súa candidatura

O candidato á alcaldía presentou, xunto a Mercedes Rosón, as principais medidas programáticas, entre elas a creación dun centro de formación en materia de produción, xestión e programación cultural; e a incorporación de Santiago á Rede de Cidades Creativas da UNESCO

O candidato á alcaldía de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, e Mercedes Rosón, número dous da súa candidatura, presentaron hoxe as medidas de cultura do seu programa electoral. Trátase, segundo Bugallo, “dunha aposta estratéxica pola cultura como elemento troncal e referencial da cidade. Unha aposta pola creación, produción, xestión cultural e tamén pola formación nestas materias”. Pero tamén se trata, sinala, “de colocar a Compostela como unha referencia cultural galega, española e internacional”, con medidas como a incorporación de Santiago á Rede de Cidades Creativas da UNESCO; ou a proposta de que sexa sede da Axencia Europea de Patrimonio.

Todas as propostas presentadas pola candidatura de Sánchez Bugallo están deseñadas para dar resposta aos problemas e desafíos do actual contexto sociocultural no que se atopa a cidade. Para o candidato á alcaldía, a xestión de Compostela Aberta “é unha xestión ensimismada na cidade, é dicir, pensada para dentro da propia cidade. Iso ten vantaxes, como xerar un certo nivel de satisfacción e participación que non convén infravalorar; pero tamén plantexa problemas”, como que moita da oferta cultural que ven do exterior, non chegue á cidade.

Recorda Bugallo que Santiago era, hai apenas uns anos, líder e referencia en múltiples ámbitos, incluído o cultural. “Sen embargo hoxe xa non nos ven así. Ese papel que tiñamos non só cara dentro, senón tamén cara fóra, Santiago deixou de xogalo”. Pregunta o candidato que cómpre facer para recuperar ese liderado, partindo dun contexto dunha cidade de apenas cen mil habitantes, que non pode competir en tamaño, peso electoral ou peso industrial con outras cidades da nosa contorna, como A Coruña e Vigo. Bugallo non cre que a solución de futuro sexa “converter a Santiago no Benidorm das cidades históricas”. Pola historia de Santiago, polo peso da USC, e polas características da cidade, “pensamos que é a través da cultura como elemento referencial, transversal e central, como Santiago pode brillar novamente e ofrecer múltiples oportunidades aos seus residentes”.

Para a candidatura de Sánchez Bugallo, é necesario pensar en todas as vertentes da cultura: como usuarios, como herdanza cultural, como patrimonio e como lingua. No programa electoral hai toda unha batería de propostas orientadas a preservar, protexer e manter vivas tanto a nosa lingua como o noso patrimonio histórico: a creación da concellaría, da oficina, e do Consello Municipal da Cidade Histórica como instrumentos de dirección, resolución e participación. Tamén existen medidas comprometidas coa lingua galega, de apoio á divulgación, edición e produción en galego, que se seguirá mantendo como idioma de referencia do concello.

No que cómpre incidir, segundo Bugallo, é na cultura como creación, producción e xestión cultural. Argumenta que a cultura supón en Galicia 1.200 millóns de euros de facturación anual, o 1,9% do PIB, e 26.000 empregos. En España máis de 30.000 millóns de euros de facturación, o 3% do PIB e máis de 600.000 empregos. E en Europa, 620.000 millóns de euros de facturación, o 4% do PIB, e máis de 8.000.000 de empregos. Con estos datos, o candidato sinala “que a cultura dispón en Galicia e en Santiago, dunha enorme capacidade de crecemento e dunha maior capacidade aínda de xerar influencia, e polo tanto, liderado”. Afirma que Compostela “dispón dunha enorme cantidade de infraestruturas culturais, moitas a medio gas, a día de hoxe; e dunha enorme cantidade de talento. Moitos creadores e produtores, cunha enorme capacidade, recoñecidos dentro e fóra de Santiago, que en moitos casos debe gañar a vida doutro xeito, ou conformarse con sobrevivir. Estes creadores, produtores e xestores, precisan e podemos ofrecerlles un horizonte distinto e mellor cara o futuro”.

É neste contexto no que a candidatura de Sánchez Bugallo deseña una aposta estratéxica pola cultura, converténdoa nunha acción troncal e transversal da acción de goberno, coa implicación e colaboración dos sectores afectados, e buscando o apoio externo, tanto da Xunta, como do goberno Central, como da Unión Europea e doutros organismos internacionais.  

Comentarios
Lo más