miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Éxito de participación na Xuntanza de Música Tradicional de Lousame

Éxito de participación na Xuntanza de Música Tradicional de Lousame
Éxito de participación na Xuntanza de Música Tradicional de Lousame

O acto abre a programación especial do Concello de Lousame co gallo da XVII Festa do Galego

Máis de 250 veciños e veciñas encheron o campo da festa de San Roquiño (Tállara-Lousame) na tarde do domingo para asistiren á xuntanza de música tradicional galega, unha actuación programada dentro da XVII Festa do Galego do Concello de Lousame, que culminará na mañá do 17 de maio coa tradicional homenaxe a Zernadas de Castro en Fruíme.

O tempo acompañou, e polo campo da festa de San Roquiño foron pasando os grupos Queicoa, a asociación cultural Canlebó de Camboño, a asociación cultural O Son do Pote de Tállara, o alumnado da UNED Senior de Lousame, a coral de Cando e o grupo de música tradicional de Xolda da Laracha, que remataron facendo unha actuación conxunta.

XVII FESTA DO GALEGO

Esta xuntanza abre a programación da XVII Festa do Galego do Concello de Lousame, que continuará este venres 10 de maio coa presentación do libro “Roteiros literarios: coñecendo a Antonio Fraguas”, da man da coordinadora da publicación, Charo Baleirón; a editora, Laura Rodríguez; e unha das autoras, Belén Rodríguez. Será ás 20:00 horas na Casa da Cultura. Un día despois, o sábado 11 de maio, a pintora Marisa Redondo presentará unha exposición de pintura ás 12:00 horas na Casa da Cultura lousamiá.

O venres 17 de maio, ás 12:00 horas, terá lugar a tradicional homenaxe a Zernadas de Castro no atrio da Igrexa de Fruíme. Un acto que este ano contará coa presentación do libro “O ilustrado cura de Fruíme”, de Carlos García Cortes. A programación pecharase cunha actuación de Fantoches Baj, “Os Romeiros do Caracol”, o sábado 18 de maio, ás 11:00 horas, na Casa da Cultura de Lousame.

Todas as actividades son de participación libre e de balde.

Comentarios
Lo más