Os penaltis deixan ao Santiago Futsal sen final na Copa Galicia
O campionato celébrase estes días en As Pontes
Este luns no Pavillón Municipal de As Pontes comezou a fase final da XXVIII edición da Copa Galicia.
A primeira semifinal enfrontaba a un Santiago Futsal con ganas de desquite tras os dous duelos perdidos en liga contra o Pescados Rubén Burela.
Os celestes, que viñan dunha dinámica positiva tras a súa despedida en casa con goleada ante o Soliss FS Talavera por 8-2, querían vencer ao campión da Segunda División da LNFS e ter así o pase para a final que se disputaría ao día seguinte.
Pola súa banda o rival quería poñerlle o broche de ouro a unha inmellorable campaña, tras conseguir o ascenso directo á división de honra do futbol sala español.
O Santiago Futsal empezou o partido de maneira inmellorable, xa que nos primeiros 9 minutos de partido tiña unha vantaxe de 3 goles.
O primeiro foi obra de Everton ao cruzar un potente disparo ao segundo pau. No minuto 5 Santi culminou un bo pase de Lucas cun gran taconazo tamén ao pau longo. Preto de 4 minutos despois un pase cruzado de Brian deixou a Pirata ante un rival que, tras desfacerse del, mandou o balón ao fondo da rede.
A partir de aí o Peixes Rubén Burela comezou a acosar a portería rival. No minuto 12 sacou ao seu porteiro xogador e Iago Barro puido manter a súa meta a cero ata o minuto 16, cando Lucho conseguiu o primeiro para os de Burela.
Na segunda parte os de Burela tomaron o control do partido, poñendo ao seu quinto home desde os inicios.
Xa no minuto 24 Matamoros culminou unha xogada de estratexia para poñer o 2-3 e seguiron buscando o empate a través de numerosas ocasións. Matamoros puido aumentar a súa conta cun dobre penalti, pero Iago Barro atallouno coas súas mans no 34.Pouco despois Luisma marcou o empate a falta de tres minutos para o final e o encontro foise aos lanzamentos de penalti.
Lucas fallou o primeiro, Everton e Zequi conseguiron marcar pero iso non foi suficiente xa que Pescados Rubén tivo un pleno de acertos.
O Pescados Rubén medirase na final ao Parrulo Ferrol FS que venceu ao Noia Portus Apostoli por 5-1.