miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Bugallo presenta as medidas para o impulso do turismo "rendible e de calidade" na cidade

Bugallo presenta as medidas para o impulso do turismo "rendible e de calidade" na cidade
Bugallo presenta as medidas para o impulso do turismo "rendible e de calidade" na cidade

Para o candidato á alcaldía “falta o discurso propio de Santiago”, como o artellado desde o ano 1990 ao 2010, que “definía un proxecto turístico propio, unha imaxe de marca propia”

Impulsar o papel do institucional do turismo no concello, recuperar o protagonismo nacional e internacional da política urbana e turística de Santiago, elaborar un Plan Director do Ano Santo 2021, e redactar un novo Plan Estratéxico de Impulso da Calidade Turística que identifique, priorice e planifique as accións para elevar a calidade do turismo en Compostela. Son algunhas das medidas sobre o sector turístico recollidas no programa electoral da candidatura de Xosé Sánchez Bugallo, que o candidato á alcaldía explicou en rolda de prensa.

Na elaboración do programa tívose en conta a diagnose sobre a situación do turismo na cidade. A pesares de ser un dos principais destinos culturais de España e Europa, e unha referencia mundial polo Camiño de Santiago; nos últimos anos, sinala Bugallo, “percíbese unha perda progresiva de protagonismo e liderado de Compostela” nos foros nacionais e internacionais relacionados co sector turístico, a pesares do contexto nacional e internacional favorable o sector.

Explica Bugallo que “o papel que desempeñaba Compostela hai dez ou doce anos, hoxe é un papel menor e máis débil. A impresión que traslada é que a cidade se deixa levar pola inercia. Nos últimos oito anos non houbo ningunha proposta relevante cara o turismo. E incluso se constata un empobrecemento da oferta turística, perdendo propostas de referencia que tiña”. Pon exemplos: “o Fórum Gastronómico, que se convertir a nun evento nacional de primeira magnitude, e incluso internacional, realmente non foi substituído por ningún outro elemento da mesma categoría”.

Para o candidato á alcaldía “falta o discurso propio de Santiago”, como o artellado desde o ano 1990 ao 2010, que “definía un proxecto turístico propio, unha imaxe de marca propia”. Engade Bugallo, “como destino urbano, como destino cultural, como destino gastronómico como destino de congresos, Santiago perdeu perfil. Hoxe non ten un perfil comparable ao que tiña daquela. Esta progresiva banalización turística permitiu que a cidade se atope por debaixo do seu potencial en termos de rendibilidade económica e social, a pesares de aumentar o número de viaxeiros. A cidade, segundo Bugallo, “perdeu posicións”.

Os datos están aí. Foron citados polo candidato á alcaldía. Segundo o Barómetro de Rendibilidade e Emprego dos Destinos Turísticos Españois, Compostela foi, en 2017, unha das cidades coa tarifa media diaria por establecemento (ADR) máis baixos destinos urbanos españois: 65,6 euros fronte aos 86,5 euros de media dos destinos urbanos españois. Tamén a taxa de ocupación media se situou por baixo: un 52,3% de Santiago, fronte ao 69,5% de media. E os ingresos por habitación dispoñible. En Compostela, 34,3 euros, case a metade da media, situada no 60,1%.

Esta dinámica alonxa Santiago dos principais destinos urbanos de España, e en particular, da España Verde. Pero a situación, en vez de mellorar, empeorou nos tres primeiros trimestres de 2018. Un ADR de 69,1 euros fronte aos 93,8 de media; unha ocupación do 58,5% fronte a un 73% de media; e un ingreso por habitación dispoñible de 40,2 euros, fronte aos 68,5 euros de media. Engade Bugallo, “isto quere dicir que Santiago está aproximadamente un 26 por cento por debaixo das tarifas medias e un 20% por debaixo en taxa de ocupación”. A consecuencia, segundo o candidato. “Santiago está un 40 por cento por debaixo da media en rendibilidade turística”.

Para Bugallo “é fundamental definir unha estratexia turística de Santiago”. Por iso, “Compostela ten que actualizar e elaborar un novo Plan estratéxico de Turismo, para definir a súa estratexia turística. E o segundo punto, “rearmar os instrumentos de promoción turística de Santiago. Percibimos que Incolsa, que foi durante esta década, durante os últimos 20 anos, o elemento fundamental da promoción turística da cidade, hoxe está en horas moi baixas e cun perfil moi mortecino. Por iso é imprescindible rearmar a xestión turística municipal implicando ao sector, cunha participación activa e protagonista”. 

Comentarios
Lo más