miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Últimas horas para poder visitar exposición de fotografías protagonizadas polas mulleres do Mercado de Abastos

Últimas horas para poder visitar exposición de fotografías protagonizadas polas mulleres do Mercado de Abastos
Últimas horas para poder visitar exposición de fotografías protagonizadas polas mulleres do Mercado de Abastos

A mostra aglutina un total de 40 fotografías, dúas delas en branco e negro e as demais en cor. O fotoxornalista compostelán Manuel Blanco foinas captando ao longo de dezaoito anos

A Casa do Cabido acolle, dende finais do pasado mes de xaneiro, a exposición ” Elas, retrato dun mercado”, que reúne instantáneas realizadas polo fotógrafo Manuel Blanco ás mulleres do Mercado de Abastos de Santiago. A mostra está impulsada polo Consorcio de Santiago e as Concellarías de Acción Cultural e Mercados do Concello de Santiago. O derradeiro día para percorrela será este mércores, 8 de maio. O horario da Casa do Cabido é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas, de martes a sábado. Os domingos abre pola mañá, de 11:00 a 14:00 horas, e os luns permanece pechada ao público.

A mostra aglutina un total de 40 fotografías, dúas delas en branco e negro e as demais en cor. O fotoxornalista compostelán Manuel Blanco foinas captando ao longo de dezaoito anos. Comezou este proxecto en 2001 e durante todo este tempo logrou reunir unha boa cantidade de material que logo seleccionou “dun xeito natural, sen metodoloxía definida máis aló do instinto e a necesidade de perpetuar un legado primitivo de beleza”. Así, manifesta que “o propósito principal desta exposición é poñer en valor á muller tradicional galega, tomando como referente ás mulleres que venden os seus produtos no Mercado de Abastos de Compostela”.

Tal como indica o autor das instantáneas, “estas imaxes compoñen un álbum familiar, unha galería de emocións que sorrín nun mesmo lugar. Cada unha delas mostra un retrato instrumentado desde a complicidade entre un espazo, un fotógrafo e elas, que son as grandes protagonistas”.

Na exposición poden contemplarse sobre todo retratos. Ademais das fotografías, exhíbese un vídeo con imaxes e comentarios das protagonistas, que falan da súa realidade, do seu día a día, o que nos permite achegarnos un pouco máis a elas.

Comentarios
Lo más