Agustín presentou as medidas en materia cultural para a cidade
Hernández explicou que a capital de Galicia é merecedora de contar cun evento cultural anual de primeiro nivel, co fin de promover a imaxe da cidade e contribuír a captar visitantes en épocas de baixa actividade turística
O presidente do Partido Popular e candidato á alcaldía de Santiago, Agustín Hernández, presentou onte, en rolda de prensa, o seu programa en materia cultural, que se apoiará en nove puntos concretos. Hernández destacou que estes eixos de actuación buscan recuperar o liderado de Santiago entre as cidades de destino cultural.
O voceiro Popular destacou que a recuperación e valorización do patrimonio cultural de Santiago é un dos seus obxectivos prioritarios, procurando sumar activos que contribúan a enriquecer a oferta desde unha perspectiva de eficacia, de rendibilidade e de accesibilidade.
Hernández explicou que a capital de Galicia é merecedora de contar cun evento cultural anual de primeiro nivel, co fin de promover a imaxe da cidade e contribuír a captar visitantes en épocas de baixa actividade turística, dentro das propostas está a organización dun Festival Internacional de Teatro; ciclo de concertos de grandes orquestras sinfónicas; concertos de pop/rock con grupos e intérpretes nacionais e internacionais; ou unha mostra de deportes, música e actividades de rúa, entre outros.
Para Agustín Hernández, o Concello ten que ser unha plataforma para os creadores e artesáns de Santiago e propón ademais prestarlle unha especial atención ás entidades e institucións que promoven e proxectan a riqueza musical da nosa cidade, como a Real Filharmonía de Galicia, o Conservatorio Profesional, a Escola de Altos Estudios Musicais, a Escola Municipal de Música ou a Banda Municipal, para que dispoñan duns recursos e dunha xestión acordes coa súa importante función e transcendencia.
Así mesmo, insistiu na necesidade de consolidar Santiago como cidade con fonda tradición literaria, a súa vinculación coa presenza de grandes escritores e escritoras debe servir de estímulo para desenvolver novas iniciativas relacionadas coa cultura impresa coa industria editorial.
“Nestas accións tamén é fundamental recuperar a tarefa que debería está desenvolvendo o Consorcio da Cidade de Santiago e, por iso, insistiremos no seu impulso” e ademais “traballaremos para potenciar o papel destacado que ten facer a Cidade da Cultura na nosa cidade”, concretou.
MELLORAR A ACCIÓN CULTURAL
Dentro do seu programa, o voceiro Popular propón a creación de novos instrumentos para a mellorar a acción cultural, como:
- Redacción dun Plan Estratéxico para a Cultura.
- Mellora na organización e xestión da área municipal de Cultura, coa reestruturación do organismo autónomo Auditorio de Galicia, que contará cun novo organigrama, novas competencias e unha nova denominación: CompostelaCulura e a creación do Consello de CompostelaCultura, que renove e potencie o papel do Consello municipal de Cultura, sen actividade na actual lexislatura.
- Creación dun observatorio da cultura, instrumento para a análise e para facilitar a toma de decisións no sector.
Así mesmo, considera imprescindible traballar na modernización e adecuación da rede de equipamentos públicos, para facelos máis accesibles, polo que é necesaria a renovación do Auditorio de Galicia; a rehabilitación do Teatro Principal; a adecuación da Zona C; facer melloras na sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta e noutros espazos múltiples da rede de centros socioculturais; e actuar na integración paisaxística e urbana da Cidade da Cultura.
Finalmente, o voceiro Popular destacou que “debemos ser capaces de tecer a través do Camiño unha rede de interrelacións no eido cultural que consolide a nosa cidade dentro dos itinerarios culturais, rutas de peregrinación e cidades santuario de renome internacional”.