miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Éxito de participación no xantar do Banquete de Conxo

Éxito de participación no xantar do Banquete de Conxo
Éxito de participación no xantar do Banquete de Conxo

As actividades comezaron co desfile de obreiros e artesáns dende a praza do Toural a Conxo, para asistir ao pregón a cargo de Mercedes Franqueira, veciña do barrio

A II edición da Festa do Banquete tivo o seu día grande cunha xornada festiva e alegre na carballeira de Conxo que durou dende a mañá ata ben pasada a tarde. Teatro, música, artesanía e moito máis nun domingo de recreación daquel 2 de marzo de 1856.

As actividades comezaron co desfile de obreiros e artesáns dende a praza do Toural a Conxo, para asistir ao pregón a cargo de Mercedes Franqueira, veciña do barrio. Ao finalizar o pregón, que tivo lugar na praza Aurelio Aguirre, as persoas asistentes á festa baixaron cara a carballeira onde, previamente á gran comida de confraternización, houbo unha sesión vermú a cargo de Caxade e unha recreación teatral da man de Os Quinquilláns. Ademais, Lucía Bañobre (Conxo), Olga Iglesias (Asociación Fonte da Virxe), Claudia Castro (Castiñeiriño), Nidia Aquino (Colectivo Paraguay) e Pablo David Villar (Santa Marta - A Choupana) foron as persoas encargadas de ler os brindes.

Tamén, ao igual que o ano pasado, houbo postos de comida e bebida na zona da carballeira , aínda que moitos levaron a comida da casa. Grazas á Asociación de Hostalería entregáronse arredor de 1.000 racións de cabra. A festa continuou pola tarde co Serán da Fraternidade, unha foliada de música tradicional cos Muiñeiros do Sarela e Os Fondaos do Pífaro. Logo veu a despedida da Festa do Banquete 2019 e o convite á seguinte edición. Houbo discursos de Pacheco Otero, en representación do barrio de Santa Marta – A Choupana), María Monteagudo, do Castiñeiriño, e Xavier Sánchez, de Conxo.

Mercado do Libro e da Artesanía

Todo isto veu acompañado do Mercado do Libro e da Artesanía na praza de Aurelio Aguirre, no que participaron un total de 19 expositores, dez librarías e nove obradoiros de artesanía. Ademais das librarías e das artesás e dos artesáns que formaron parte do mercado, este completouse con numerosas actividades para persoas adultas e crianzas, así como con xogos populares no horario do mercado.

Ademais, a Festa do Banquete foi o primeiro evento que seguiu a Guía de Eventos Sustentables do Concello de Santiago. Unha das medidas máis visibles foi a distribución gratuíta de "ecovasos", que cada quen podía levar para a casa para reutilizar noutros eventos, ou que foron retirados polo Concello para a súa reutilización. Estaba previsto o reparto de 4.000 unidades destes vasos. Ademais, este ano eliminouse o plástico tamén nos pratos nos que se servían as racións de cabra e aproveitouse este evento para informar á veciñanza das medidas que se poden adoptar para contribuír ao obxectivo de termos uns eventos máis sustentables e menos xeradores de residuos 

Comentarios
Lo más