Nadia Calviño e Gonzalo Caballero destacan en Compostela o compromiso das candidaturas socialistas ás alcaldías
A ministra de Economía percorreu varias rúas de Santiago acompañada dos candidatos socialistas ás alcaldías da comarca, entre os que se atopaba Xosé Sánchez Bugallo e varios membros da súa lista: Sindo Guinarte, José Manuel Pichel, Noa Díaz e Rubén Prol
A ministra de economía Nadia Calviño, percorreu onte varias rúas de Santiago, acompañada do candidato á alcaldía, Xosé A. Sánchez Bugallo; do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; do portavoz socialista no Parlamento Galego, Xaquín Fernández Leiceaga; dos candidatos socialistas aos concellos da comarca; e de varios membros da lista de Bugallo. Tanto Calviño como Caballero destacaron o alto nivel das candidaturas socialistas que se presentan ás eleccións municipais, e o seu compromiso coa sociedade e cun país progresista.
Nadia Calviño asegurou que “é un pracer volver atoparme cos compañeiros do PSdeG e poder celebrar con eles o resultado histórico que obtivemos na comunidade autónoma galega nestas eleccións xerais ”. Engade a ministra que tamén “imos apoiar o lanzamento da campaña electoral para o 26 de maio: eleccións municipais e eleccións europeas”. Segundo Calviño, “trátase dunhas eleccións moi importantes porque España constrúese desde os concellos. Está aquí Pepe Bugallo, están outros compañeiros… Temos moi bos candidatos”. Para a ministra, “o máis importante será ver se esa maioría social que se manifestou, que se mobilizou nas eleccións xerais, tamén se mobiliza para acadar unha transformación a nivel dos concellos; sobre todo para reforzar e ratificar que o noso é un país pro-europeo, un país progresista, un país feminista que mira ao futuro tamén nas eleccións europeas, nas que nos xogamos moito”.
A preguntas dos xornalistas sobre o fenómeno Vox, sinalou que a nivel europeo trátase dun fenómeno preocupante” porque “reflicte a insatisfacción dunha parte da poboación e unha viraxe ideolóxica cara a ultradereita”. No caso de España, o que destaca, “é que houbese esta gran mobilización social, esta maioría social que claramente dixo que non queremos a ultradereita no noso país”. Un país engade “que non quere volver corenta anos para atrás”.
Preguntada sobre un posible avance da ultradereita, Nadia Calviño sinala que “temos uns candidatos excelentes, e unha axenda e un programa imbatible”. Engade, “estamos convencidos de que esa mobilización do pasado domingo se vai repetir nas eleccións municipais europeas. Todo o que vemos ao noso redor é apoio da xente, ánimo, e creo que a nosa proposta é absolutamente imbatible para unha España que mira ao futuro”.
Tamén estaba presente, nesta visita a Santiago, o secretario xeral do PSdeG. Na mesma liña da ministra, Gonzalo Caballero destacaba os excelentes resultados acadados o pasado domingo, 28 de abril, e afirmaba “que o partido xa está traballando en clave de eleccións municipais”. “Ímolo facer”, continúa “en todos os concellos onde gobernamos, como Ames, Brión ou Oroso; naqueles onde non gobernamos, onde temos retos para avanzar; e dende logo en Santiago, onde temos un partido preparado, unha candidatura disposta e un candidato, Pepe Bugallo, que vai dar o mellor de si, de todo o socialismo de Compostela, para avanzar posicións, e para acadar unha alcaldía que de novo sexa referencia para todos os composteláns, para toda Galicia”.
Preguntado sobre posibles pactos con outras forzas políticas despois das eleccións municipais, o líder dos socialistas galegos respondeu que “neste momento o noso esforzo está centrado en mobilizar os votos progresistas para que respalden as candidaturas do PSdeG. Somos unha forza política de esquerdas, unha esquerda que sabe xestionar, que sabe gobernar”. A axenda do partido , sinala, “está centrada en construír unha alianza social cas galegas e cos galegos para que poidan depositar o seu voto nas candidaturas do socialismo”. Engade “é a mesma folla de ruta que tracei cando accedín á secretaría xeral. E valoro e respecto o traballo que fan outras forzas progresistas. Pero estamos convencidos de que o mellor para Galicia e para as cidades de Galicia, é que o bloque progresista estea liderado polo Partido Socialista, que os nosos referentes poidan encabezar novas etapas de goberno no escenario municipal e no escenario galego”. Na súa opinión “debemos centrarnos, cun carácter positivo, en falar coa cidadanía para que o avance da esquerda nas xerais se traslade ás municipais”. E para, remata, “frear a unha dereita que vai estar en retroceso, a un PP que vai retroceder nas sete cidades galegas. Imos traballar con toda a forza que temos para conseguir que as cidades galegas estean gobernadas por alcaldes socialistas, por alcaldes progresistas, despois do 26 de maio”.
Gonzalo Caballero tamén se referiu ao líder do PP, Pablo Casado. “Estiveron onte de visita en Galicia. Celebraron o éxito electoral do Partido Popular de Feijoo e de Casado, ámbolos xuntos”. En opinión do secretario xeral dos socialistas galegos “están, parece, moi contentos co resultado electoral, e seguen buscando unha estratexia do avestruz, de esconder a cachola para non asumir o erro do partido popular nestas eleccións… Para tentar agora dicir que queren agora virar ao centro, cando o PP simplemente di que non quere estar na extrema dereita porque non lle dan os números”. E engade, “en Andalucía segue gobernando o Partido Popular, grazas aos votos de Vox, e o presidente de Andalucía non fixo rectificación algunha nin Casado lle mandou rectificar a súa posición e recoñecer que a súa investidura foi grazas a un pacto coa ultradereita”. Gonzalo Caballero é contundente: “Ese é o cinismo do Partido Popular, que vai utilizar os votos de Vox cando lle sirvan, e renunciará aos votos de Vox cando non lle dean as contas”. Remata lembrando ao electorado “o cinismo desta dereita que pacta coa ultradereita alí onde obtén os votos, tamén en Galicia, onde Vox houbera entrado no Parlamento Galego co resultado do pasado domingo”.