Sánchez Bugallo comprométese cos veciños de Villestro a ampliar a rede de saneamento
O candidato á alcaldía de Santiago reuniuse coa AVV de Villestro, visitou o SUNP 25 e mantivo un encontro coa ANPA do CEIP de Roxos, coa que asumiu o compromiso de ampliar a parcela do colexio, construír un novo partio cuberto e mellorar a seguridade vial no entorno do centro educativo
Ampliar a rede de auga e saneamento, arranxar o parque biosaudable; ampliar a parcela do CEIP de Roxos, construír un novo patio cuberto, e mellorar a seguridade vial no entorno do colexio. Son algúns dos compromisos adquiridos pola candidatura do Xosé A. Sánchez Bugallo coa veciñanza e a comunidade educativa da zona de Roxos e Villestro. O candidato á alcaldía de Santiago tamén se comprometeu a revisar o proxecto de reforma da estrada Roxos-Reborido, xa aprobado pola Deputación provincial, para incorporarlle unha senda peonil ou beirarrúas.
Xosé Sánchez Bugallo, acompañado de Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, José Manuel Pichel, Javier Fernández e Jon Brokenbrow, reuniuse nas últimas horas coa Asociación de Veciños de Villestro. Antes visitaron o SUNP 25 e mantiveron un encontro coa ANPA do CEIP de Roxos. Entre as demandas plantexadas pola veciñanza figuran, precisamente, rematar a rede de auga e saneamento aos lugares que carecen dela; acondicionar varias pistas xa incluídas nos orzamentos de 2016 e 2017, no Plan de Obras e Servizos, pero sen executar; impulsar a concentración forestal, en trámites na Xunta de Galicia desde hai máis de vinte anos; e a limpeza e mantemento das cunetas e espazos comúns, como as áreas recreativas.
Previamente, mantiveron un encontro coa ANPA do CEIP de Roxos no que analizaron as necesidades de ampliación do centro, a construción dun novo patio cuberto, a habilitación de novos accesos, e os problemas de seguridade vial no entorno do colexio. A continuación, coa Comunidade de Propietarios do SUNP 25, puideron comprobar o estado de abandono e deterioro no que se atopa o parque público; e os colectores soterrados que están sen funcionar.