miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Conxo acolle o seu xantar popular no día grande da Festa da Banquete

Conxo acolle o seu xantar popular no día grande da Festa da Banquete
Conxo acolle o seu xantar popular no día grande da Festa da Banquete

As actividades darán comezo ás 11:00 horas co desfile de obreiros e artesáns dende a praza do Toural a Conxo, para asistir ao pregón – ás 12:45 horas- a cargo de Mercedes Franqueira, veciña do barrio.

A II edición da Festa do Banquete chega a súa fin cunha xornada festiva e alegre na carballeira de Conxo que comezará ás 11:00 e se estenderá ata as 21:00 horas. Teatro, música, artesanía e moito máis nun domingo de recreación daquel 2 de marzo de 1856.

As actividades darán comezo ás 11:00 horas co desfile de obreiros e artesáns dende a praza do Toural a Conxo, para asistir ao pregón – ás 12:45 horas- a cargo de Mercedes Franqueira, veciña do barrio. Ao finalizar o pregón, que terá lugar na praza Aurelio Aguirre, as persoas asistentes á festa baixarán cara a carballeira onde, previamente á gran comida de confraternización, haberá unha sesión vermú a cargo de Caxade e unha recreación teatral da man de Os Quinquilláns. Ademais, Lucía Bañobre (Conxo), Olga Iglesias (Asociación Fonte da Virxe), Claudia Castro (Castiñeiriño), Nidia Aquino (Colectivo Paraguay) e Pablo David Villar (Santa Marta - A Choupana) serán as persoas encargadas de ler os brindes.

Tamén, ao igual que o ano pasado, haberá postos de comida e bebida na zona da carballeira , aínda que é recomendable levar os alimentos da casa. Grazas á Asociación de Hostalería entregaranse arredor de 1.000 racións de cabra, cuxos tickets se poderán recoller no Centro Cívico de Conxo. A festa continúa pola tarde, a partir das 17:00 horas, co Serán da Fraternidade, unha foliada de música tradicional cos Muiñeiros do Sarela e Os Fondaos do Pífaro. Ás 19:30 horas será a despedida da Festa do Banquete 2019 e o convite á seguinte edición. Haberá discursos de Pacheco Otero, en representación do barrio de Santa Marta – A Choupana), María Monteagudo, do Castiñeiriño, e Xavier Sánchez, de Conxo.

Mercado do Libro e da Artesanía

Todo isto virá acompañado do Mercado do Libro e da Artesanía, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas. Terá lugar na praza de Aurelio Aguirre e participarán un total de 19 expositores, dez librarías e nove obradoiros de artesanía. Ademais das librarías e das artesás e dos artesáns que formarán parte do mercado, este completarase con numerosas actividades para persoas adultas e crianzas así como con xogos populares en horario do mercado.

Ademais, a Festa do Banquete será o primeiro evento que seguirá a Guía de Eventos Sustentables do Concello de Santiago. Unha das medidas máis visibles será a distribución gratuíta de "ecovasos", que cada quen poderá levar para a casa para reutilizar noutros eventos, ou que serán retirados polo Concello para a súa reutilización. Está previsto o reparto de 4.000 unidades destes vasos. Ademais, este ano eliminarase o plástico tamén nos pratos nos que se serven as racións de cabra e aproveitarase este evento para informar á veciñanza das medidas que se poden adoptar para contribuír ao obxectivo de termos uns eventos máis sustentables e menos xeradores de residuos. 

Comentarios
Lo más