A Asociación Hostelería Compostela organiza un gran xantar popular o domingo na Festa do Banquete
Espéranse repartir máis de 800 degustacións de diferentes elaboracións de cabra como producto tradicional e diferenciado non só de Conxo senón de diferentes barrios da cidade durante o domingo
O Mercado La Galiciana acolleu onte ao mediodía a terceira degustación de cabra das tres que se celebraron na nosa cidade ao abeiro da Festa do Banquete. A primeira foi o pasado 17 de abril na Nave 5 da Praza de Abastos e a segunda, o pasado venres 26 de abril na Bodeguilla de Santa Marta.
A este acto asistiron, entre outros, a presidenta e o xerente da Asociación Hostelería Compostela, Sara Santos e Ramón García; as concelleiras de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e Mocidade, Deporte, Mercados e Benestar Animal, Noa Morales; e os candidatos á alcaldía do PSdeG-PSOE, Xosé Sánchez Bugallo, e BNG, Goretti Sanmartín.
Estas degustacións serviron de presentación das Xornadas Gatronómicas que organiza a Asociación Hostelería Compostela, en colaboración co Concello de Santiago, en dezaseis restaurantes da cidade: a Pulpería Fuentes, Paz Nogueira, Los Caracoles, O Muiñeiro, A Nave de Vidán, Don Quijote, Pazo de Altamira, Sexto II, María Castaña, Mesón de Lázaro, San Jaime, Pampín, Caney, Amoado, A Ostrería e Frebas. Estes restaurantes, que se atopan por todo Santiago, están a preparar pratos ou tapas especiais con cabra desde o 2 de maio ata este domingo, 5 de maio. O obxectivo desta acción, que se leva a cabo por segundo ano, é poñer en valor este produto, que se degustou aquel 2 de marzo de 1856 e forma parte da gastronomía dos barrios do sur de Compostela.
Ademais a Asociación Hostalería Compostela organiza un xantar popular o domingo 5 na carballeira de Conxo. En total, espéranse repartir máis de 800 degustacións de diferentes elaboracións de cabra como producto tradicional e diferenciado non só de Conxo senón de diferentes barrios da cidade. Neste xantar, tamén se servirán outras elaboracións como polbo, churrasco, empanadas, polo... Tamén estarán dispoñibles diferentes tipos de bebidas.