Martiño Noriega garda silencio sobre a situación de En Marea
En rolda de prensa, o rexedor insistiu en que, do mesmo xeito que o seu homólogo na Coruña, Xulio Ferreiro, gardará silencio para non prexudicar ás mareas locais que concorren ás eleccións do próximo 26 de maio
O alcalde de Santiago e líder de Compostela Aberta, Martiño Noriega, reiterou o pasado venres que a súa posición será de silencio sobre a situación de En Marea porque durante "estas dúas ou tres semanas" de campaña electoral estará centrado no ámbito local.
En rolda de prensa, o rexedor insistiu en que, do mesmo xeito que o seu homólogo na Coruña, Xulio Ferreiro, gardará silencio para non prexudicar ás mareas locais que concorren ás eleccións do próximo 26 de maio.
Tampouco quixo facer valoración algunha sobre o tuit escrito polo fundador de Anova e histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras que, a través das redes sociais, a raíz do conflito aberto no grupo parlamentario de En Marea, observou: "Señoras e señores dirixentes de UP: a avaricia rompe o saco, e polo buraco vaise, ademais do diñeiro, o valor da dignidade".
Beiras publicou esa mensaxe na rede social a mesma noite da reunión na que os deputados de En Marea pertencentes a Podemos tentaron relevar a Luís Villares da portavocía do grupo. O debate quedou aprazado ata despois das municipais ante as reticencias dos parlamentarios de Esquerda Unida, Anova e da marea municipal Compostela Aberta de abordar esta cuestión en plena campaña electoral.
"Non teño opinión respecto diso, me inhibo de facer valoracións", insistiu Noriega este venres e avanzou que "nestas dúas ou tres semanas" estará unicamente "centrado no ámbito local".
"Estou centrado niso e inhibido doutro tipo de debates", subliñou o rexedor, que remarcou que a pesar das discrepancias existentes no seo do ' rupturismoŽ a nivel galego, o espazo de Compostela Aberta é totalmente "unitario".