miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A Carreira Camiño das Letras réndelle tributo a Antonio Fraguas o 17 de maio na Cidade da Cultura

A Carreira Camiño das Letras réndelle tributo a Antonio Fraguas o 17 de maio na Cidade da Cultura
A Carreira Camiño das Letras réndelle tributo a Antonio Fraguas o 17 de maio na Cidade da Cultura

A Consellería de Cultura e Turismo participou hoxe na presentación da VI edición deste evento deportivo que sae o Día das Letras Galegas desde o Pico Sacro para poñer en valor a lingua, o deporte e o Camiño de Santiago

A VI Carreira Camiño das Letras renderalle tributo a Antonio Fraguas Fraguas, autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, o propio 17 de maio na Cidade da Cultura de Galicia. A Consellería de Cultura e Turismo, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e no seu director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou o venres pola mañá na rolda de prensa de presentación deste evento deportivo que, en palabras do director xeral, “populariza como poucos a celebración do día grande das nosas letras, sácao á rúa e convérteo nun elemento de socialización, xa que consegue atraer tanto a aquela interesada pola literatura galega como a outra que poida achegarse a ela por medio desta iniciativa”.

“Unha actividade na que se conxugan dous elementos que, a pesar de casaren moi ben, non sempre camiñan da man: primeiro, o deporte; segundo, a cultura, a cultura galega, e esta, de dúas maneiras. Por unha banda, a través da lingua propia de Galicia, máximo expoñente dela; por outra, a través do Camiño de Santiago, un ingrediente fundamental na configuración de Galicia, e mesmo de España e de Europa”, abondou Anxo M. Lorenzo.

Participaron tamén na presentación a directora-xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez; Carolina Martínez, sobriña-neta de Antonio Fraguas; a vicepresidenta da Fundación Antonio Fraguas, Concha Losada; a responsable de Xurdir, Carmen Vázquez; o director e o padriño da carreira, Iván Sanmartín e Roberto Vilar, respectivamente; o deportista Pedro Nimo; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; o alcalde de Boqueixón, Manuel F. Munín; e a concelleira de Mocidade, Deportes e Benestar Animal de Santiago, Noa Morales.

DISTINTAS CATEGORÍAS

A nova edición da Carreira Camiño das Letras abrirase cunha proba absoluta desde o Pico Sacro, seguindo a Vía da Prata, ata a Cidade da Cultura e cun circuíto para as categorías inferiores con percorrido polo Gaiás e polo Bosque de Galicia. A inscrición realizarase a través da páxina web www.carreirasgalegas.com ata o luns 13 de maio ás 23,59 horas.

Todas as persoas participantes que finalicen a proba de adultos e de menores recibirán como agasallo un libro e mais o diploma Camiño das Letras. A rapazada recibirá tamén unha medalla conmemorativa da carreira.

A entrega de galardóns aos gañadores realizarase ao remate das probas. Recibirán como premio: os tres primeiros clasificados (en mulleres e homes) da proba absoluta, un trofeo deseñado especialmente para a proba e un lote de libros; os tres primeiros clasificados das categorías de pitufo a máster recibirán un lote de libros; e o centro escolar e o club que máis alumnado achegue á proba recibirá un trofeo e un lote de libros.

Comentarios
Lo más