miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Bugallo: "Presentamos un programa centrado nas persoas e na nosa cidade"

Bugallo: "Presentamos un programa centrado nas persoas e na nosa cidade"
Bugallo: "Presentamos un programa centrado nas persoas e na nosa cidade"

Un programa con 89 medidas, divididas en 16 apartados, resultado da experiencia, da reflexión dunha candidatura renovada en máis dun oitenta por cento, e das conversas e reunións mantidas coa cidadanía; que presta especial atención aos maiores, ás mulleres, e á mocidade

Un programa que responde á situación actual de Santiago, pensado para todos os composteláns, para a cidade urbana e para a cidade rural. Así define Xosé A. Sánchez Bugallo o conxunto de oitenta e nove medidas programáticas, divididas en dezaseis apartados, que presenta a súa candidatura de cara as eleccións municipais do 26 de maio, e que se subirá á web www.vamossantiago.gal, a partir do luns. Acompañado de Mercedes Rosón, Sindo Guinarte, Gonzalo Muíños e Marta Abal, incidía en que “non está pensado como un programa de partido, é un programa pensado para o conxunto da cidade e centrado nas persoas”.

Sinalaba Bugallo que está “feito desde a experiencia, desde a reflexión. É o resultado de escoitar a moitísima xente ao longo de moito tempo, en conversas informais, en reunións con todo tipo de colectivos; e coas aportacións dunha candidatura que está renovada nun 84 por cento”. Para o candidato á alcaldía de Santiago, “é un programa para romper as barreiras: as que separan o centro dos barrios; as que separan á cidade urbana da cidade rural; e as que nos separan a moitas das persoas” que viven en Compostela. Cita Sánchez Bugallo, aos maiores, ás mulleres, e aos xóvenes, “aos que lles prestaremos especial atención”.

Sánchez Bugallo lembraba que en Santiago “hai miles de persoas que viven soias, maioritariamente maiores, e maioritariamente mulleres”. En moitos casos, engade “con pensións insuficientes” para subsistir, e “con enormes dificultades”. Puña exemplos, “hai moitas vivendas que non teñen ascensor, centos de persoas que non poden baixar da súa casa”. Precísase, di, “reforzar a atención domiciliaria”; e necesítanse, continuaba, centros de día “e neste sentido asumimos o compromiso de por en marcha tres: un no Ensanche, outro na zona vella, e outro orientado cara o rural”.

Outra aposta do programa de Sánchez Bugallo son as políticas de conciliación real. Por “iso tamén é un programa pensado para a muller”. Hoxe, explica o candidato, “o peso da dependencia recae na muller. De aí estas medidas transversais. “Cando falamos de construír e habilitar centros de día estamos pensando en que gran parte dos seus usuarios van ser mulleres; pero tamén noutras mulleres que son as que lle están prestando atención, as que os están coidando, que van ter un tempo de respiro, e unha posibilidade de organizar a súa propia vida, porque hai un centro de día a carón da súa casa, onde os dependentes ao seu cargo poden ser atendidos durante un tempo”, engade.

O programa da candidatura socialista tamén contempla “reforzar e ampliar a construción de novas escolas infantís”. Lembra Bugallo que durante os seus mandatos se levantaron seis das oito escolas infantís que hai hoxe en Santiago. Non son suficientes di, “non hai dabondo. Cómpre construír alomenos, dúas máis: unha para o barrio de Santa Marta que é imprescindible e urxente. E sería moi importante outra para o funcionariado da Xunta, para que poidan deixar os seus fillos alí. Sería unha forma, tanto de prestarlle un servizo a eles como de rebaixar a presión que se está exercendo sobre as outras escolas infantís de Santiago”.

En canto á mocidade, asegura Bugallo que “existe unha gran preocupación, polos nosos fillos, polos nosos netos, que estudan en Santiago, pero aquí non atopan nin futuro nin vivenda”. Neles tamén pensa o programa electoral. Con propostas como un programa de construción de vivendas en réxime de aluguer para xóvenes, que para o candidato, “é unha prioridade”. E con mecanismos de creación de emprego na cidade, “para que aqueles que decidan converterse en emprendedores e promover a súa propia empresa teñan un espazo onde sacar adiante o seu negocio”.

Conclúe Bugallo que “é un programa pensado para todos os cidadáns de Santiago, do urbano e do rural, pensado para protexer, apoiar e axudar a aqueles eles que se atopan en situación de maior debilidade ou de maior necesidade”. “Un programa pensado para as persoas, para que Santiago recupere a posición que lle corresponde dentro das cidades galegas, e para que dentro de catro ou cinco anos o resto de Galicia mire a Compostela cos mesmos ollos que nos miraban hai dez anos, e cos que xa non nos miran agora”.

PREGUNTAS

Na quenda de preguntas, sinalaba Bugallo que “o que se fixo serve de garantía, de aval, para que a cidadanía saiba se aquelo que se compromete un a facer, vaino cumprir ou non”. E engade “nós tempos unha longa experiencia de xestión, de realizacións, que toda a cidadanía de Santiago coñece e puido desfrutar delas durante anos. E iso serve de aval. Hoxe comprometémonos con este programa, que temos moi traballado, desde o mes de novembro, baixo a coordinación de Xaquín Fernández Leiceaga”, a quen o candidato agradece a súa implicación.

Bugallo insistiu en que os resultados do domingo pasado, das eleccións xerais, non se poden extrapolar aos das municipais. Pero, engade “dannos máis enerxía. O que pasou o domingo pasado non é diferente do que nós viñamos percibindo nos barrios que estamos visitando, nas parroquias e nas reunións que estamos mantendo”. Nós, continúa, “estamos esperanzados e ilusionados, pero somos respectuosos coa vontade dos cidadáns. Ese é o xuízo ao que nos sometemos, con absoluta confianza, e convencidos de que presentamos un bo proxecto e unha boa candidatura para levalo adiante. E cun compromiso claro: a experiencia o que nos permite é saber que cousas podemos prometer, que cousas non podemos prometer, a onde podemos chegar; e como temos que facer para cumprir aquelo ao que nos comprometemos”.

Entre as prioridades da candidatura “todo o que fai referencia á atención ás persoas e a mellorar a calidade de vida das persoas”. E entre as urxencias, cita Bugallo “afrontar o Ano Santo de 2021, porque o temos enriba e porque non hai nada preparado”. Segundo o candidato “a cidade non está en condicións de afrontar un Ano Santo. Temos o transporte caendo a cachos, temos a limpeza da cidade nas condicións lamentables nas que se atopa, con contratos caducados anos: a iluminación vence este ano, a auga e saneamento vence o mes que ven. É evidente que hai temas que imos ter que afrontar si ou si se gobernamos, da igual que fosen prioridade ou non. Ademais son temas moi relevantes para a calidade de vida dos cidadáns, son servizos fundamentais para a cidade”.

Sobre os comedores escolares, “é un dos asuntos que cómpre afrontar”. “Estivemos reunidos coas ANPAS, coa Federación de ANPAS Compostela, e vimos que é un dos temas nos que se produciu unha enorme frustración por parte do colectivo”. Bugallo garante que haberá comedores escolares de calidade, e que ningún escolar quedará fora por razóns burocráticas ou orzamentarias. “Cambiaremos o sistema, para que ao comezo de curso todos os nenos coñezan a súa bolsa de comedor. Tamén crearemos un fondo de reserva para atender as urxencias que xurdan durante o curso. E garantiremos un servizo de calidade, un tema que trataremos coas ANPAS e coa Xunta, esixíndolle implicación, porque a competencia é do goberno autonómico”.

Comentarios
Lo más